Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP leva ao pleno a creación dunha comisión para investigar os graves sucesos acontecidos nos accesos ao recinto do Entroido de Foz

Os populares queren que se depuren responsabilidades e que nesta comisión de investigación estean presentes, ademais dos representantes dos grupos políticos, tamén os técnicos que participaron na organización deste evento

Foz, 22 de febreiro de 2024. O PP de Foz vén de rexistrar unha moción para debater no pleno ordinario de febreiro na que solicitan a creación dunha comisión para investigar os graves sucesos acontecidos trala entrega de premios do baile de Entroido pola acumulación de xente debido á desorganización á hora de deseñar a entrada, saída, accesos aos baños e zona de fumadores xa que todos confluían; feitos que o bigoberno de PSOE e BNG pretenden ocultar.

A concelleira Verónica Soto subliña que a “a característica falta de transparencia do goberno local volve a darse nestas circunstancias tan graves xa que temos solicitado o plan de seguridade, seguros e demais documentación relacionada con este evento para ter toda información necesario pero de momento non nos deron dita documentación”.

“Non queremos que isto se esqueza como quere facer o equipo de goberno, como queren facer sempre PSOE e BNG deixando pasar as cousas, pois son sucesos moi graves nos que estiveron en risco a saúde e seguridades de moitas persoas”, afirma Soto. Houbo xente que sufriu crises de ansiedade, moitos dos asistentes decidiron abandonar o baile e gracias á actuación da Garda Civil evitáronse males maiores

Polo tanto, os populares queren que se depuren responsabilidades e que nesta comisión de investigación estean presentes, ademais dos representantes dos grupos políticos, tamén os técnicos que participaron na organización deste evento. É preciso que se aclaren cales foron os fallos porque os houbo e, ademais, reiterados, desde a elección da ubicación do recinto que foi mala xa que en inverno presenta unha inestabilidade do terreo ao nacer a auga nesa zona; ata o propio deseño do recinto e da carpa onde se albergaron os bailes de Entroido.

“O Concello é unha parte importante da organización do Entroido de Foz asumindo gran parte dos custes, poñendo medios humanos e materiais e, polo, tanto, debe responder sobre esta situación e se non o quere facer é unha mostra máis do ocultismo ao que non ten acostumados o señor Cajoto e os seus socios” finaliza a concelleira popular.

Exit mobile version