“Tendo en conta a ampla maioría de apoio recibido polo PP o pasado domingo, cremos que os vilalbeses referendaron a política da Xunta, independentemente de todos os ataques feitos pola alcaldesa”, din
Ante as declaracións da alcaldesa poñendo deberes ao Goberno autonómico, os populares convidan á señora Rouco a “cumprir coa súa parte” porque cren que “o que merecen os nosos veciños é que o goberno local atenda ás súas competencias” e “non perda máis subvencións” porque “se o Concello non recibe eses apoios por non cumprir coa súa parte, os custes teranos que pagar todos os vilalbeses”.
Á perda dunha axuda de 50.000 euros para a praza Emigración e de 193.000 euros para a rúa do Calvario no anterior mandato, hai que engadir outras subvencións perdidas neste mandato coma os 193.000 para o camiño do Cotarón, os 140.000 euros aos que renunciaron para mellorar o CEIP Mato Vizoso e o anexo da Madalena ou os 46.000 euros para mellorar a rede de abastecemento de auga. Tamén rexeitaron a axuda de preto de 450.000 euros para a plantación de árbores no casco urbano e deixaron perder “por non licitar a obra a tempo” outro millón de euros para a reforma da Casa do Concello, “outro exemplo de obra faraónica ideada polo goberno local que puido ter aproveitado esa axuda para arranxar outras instalacións municipais”.
“O desastre na xestión é tal que solicitan axudas, pero non se preocupan de cumprir os prazos nin de presentar a documentación xustificativa e acaban perdéndoas ou, incluso, noutros casos, rexéitanas”, explica o viceportavoz, José María García-Leira.
ENGANOS QUE SAEN CAROS
O popular engade que “os continuos anuncios do goberno local que non se chegan a materializar son un engano aos veciños que, ademais, sae caro porque hai que pagar igualmente polos proxectos técnicos aínda que non se fagan as obras prometidas”.
COMPROMISO CON VILALBA
O Partido Popular, incluídos os seus representantes no Concello, e tamén o Goberno da Xunta teñen manifestado en numerosas ocasións o seu compromiso con Vilalba, “incluso apoiando áreas que non son competencia autonómica como é o caso do SAF que é un servizo municipal. Aínda así a Xunta sufraga arredor do 60% do seu custe”. De feito, “o ano pasado achegou a Vilalba máis de 2 millóns de euros para o Servizo de Axuda no Fogar”.
Así mesmo, “tendo en conta a ampla maioría de apoio recibido polo PP o pasado domingo, cremos que os vilalbeses referendaron a política da Xunta, independentemente de todos os ataques feitos pola alcaldesa”. Nese sentido, “temos que agradecer o apoio dos veciños e veciñas ao PP nas eleccións autonómicas tanto nas parroquias do rural coma no casco urbano”, conclúen.