Os deputados populares pedirán a implicación de todas as administracións, especialmente do Goberno central, que é quen marca os pasos a nivel europeo, sendo o propio ministro o que vai negociar as necesidades do sector agrario en Europa, que é onde se toman as decisións que obrigaron a este sector a saír á rúa para demandar un trato digno e xusto para eles
Sábado, 24 de febreiro de 2024. Dende o PP apoiamos as reivindicacións dos gandeiros e agricultores lucenses e galegos, polo que no pleno do martes o Grupo Provincial Popular defenderá a aprobación de varias medidas de apoio ao sector “como non pode ser doutro xeito”.
Dende o Grupo Provincial Popular recordaron que xa acompañamos ao sector na manifestación do pasado martes “polo que, por coherencia, seguiremos a defender as súas reivindicacións”.
Nestes senso, dende o Grupo Popular pedirase “a implicación de todas as administracións, especialmente do Goberno central, que é quen marca os pasos a nivel europeo”. “É o ministro o que vai negociar as necesidades do sector agrario en Europa, que é onde se toman as decisións que están a condenar a este sector a saír á rúa para demandar un trato digno e xusto para eles, polo que debemos acadar a implicación do Goberno de Pedro Sánchez”, afirmou.
Ademais, se pedirá ás distintas administracións indemnizacións polos danos causados pola fauna salvaxe (xabaril, lobo…) e de todas as perdas ocasionadas; así como a autorización de batidas de control da fauna salvaxe.
É indiscutible que o noso sector primario e, en particular, a agricultura e a gandaría, son eixo fundamental na xestión sustentable do territorio, ademais de representar un importantísimo eido económico, sostén da alimentación do noso país e da propia soberanía alimentaria en Europa. Neste respecto, desde un principio, tivéronse en conta as circunstancias que se ían sucedendo, escoitando as inquedanzas deste sector co fin último de presentar diante do Goberno central as oportunas demandas co obxecto de tomar constancia e actuar conforme á necesidade de capear o contexto do mellor xeito posible en favor dos intereses dos nosos agricultores e gandeiros.
España debe liderar en Europa a esixencia dunha “moratoria inmediata” de toda esta normativa cuxa aplicación está causando, como é sabido, graves prexuízos no desenvolvemento normal da actividade agraria. “Esiximos que se demande claramente unha suspensión da lexislación que obstaculiza a viabilidade das explotacións, con máis burocracia e esixencias medioambientais que, atendendo a súa pertinencia e compartindo a preocupación polo cambio climático, teñen que ser novamente deseñadas e verterse no seu conxunto nunha sustentabilidade económica, social e medioambiental das explotacións”, explicaron.
Esta moratoria debe estar vixente namentres a Unión Europea realiza a necesaria e fonda reflexión estratéxica sobre o futuro da agricultura e gandaría no territorio que, en todo caso, deberá reverter nunha flexibilización da lexislación, podendo participar activamente as comunidades autónomas en dita reflexión, por intermediación do propio Goberno.
Neste contexto, cómpre destacar que a Xunta de Galicia comprometeu a súa lealdade e mailo apoio ao Goberno central nun escrito, sobre todo, no seu papel como interlocutor con Europa, avogando por unha posición común do conxunto estatal para actuar con máis forza diante das instancias europeas, respectando, como se mencionou anteriormente e sempre se ten defendido, as singularidades de cada territorio.
Defendemos que a carga burocrática dos nosos agricultores e gandeiros non sexa incrementada. Neste sentido, é preciso sinalar a pertinencia da modificación da Lei da cadea alimentaria co fin último de facer efectiva a prohibición de venda a perdas en favor dos operadores primarios, unha petición reiterada en numerosas ocasións por Galicia que atende á necesidade de que o Goberno central asuma a súa responsabilidade nesta cuestión, que pertencen integramente a súa competencia.
Namentres o Goberno central non considera as medidas solicitadas ata o momento así como unha necesaria estratexia de actuación conxunta para coa situación actual respecto á Unión Europea, Galicia continuará demandando ditas esixencias, posicionada do lado do sector primario, coma sempre, e por respecto aos nosos produtores, que son os máis interesados na modernización e as melloras ambientais.
O Goberno ten que deixar de ser un suxeito pasivo e defender o sector primario en Europa. As cesións xa anunciadas pola CE na aplicación da axenda verde permiten medir todo o tempo perdido, e o dano causado ao campo, pola inacción do Executivo nesta cuestión.
Non basta con prometer que “se reforzará” a Lei da cadea. Esta norma continuará sendo papel mollado mentres non se habiliten medios para o seu cumprimento efectivo. Medios como os que vén propoñendo Galicia: as aplicacións informáticas para o cálculo dos custos de produción como instrumento efectivo para a súa determinación na negociación dos prezos.
Non podemos obviar que as principais demandas do sector están moi ligadas á nova PAC e poñen o foco no caderno dixital, a rotación de cultivos, a redución de fitosanitarios, a normativa relativa ao decreto de ordenación de explotacións bovinas ou a nutrición sostible do solo e a necesaria adaptación e flexibilizar os ecoesquemas á realidade de cada rexión.
Así mesmo, é unha cuestión fundamental abordar a competencia desleal de produtos de terceiros países, dado que as condicións nas que se producen posibilitan que accedan ao mercado común cuns prezos cos que non poden competir os agricultores e gandeiros europeos.