Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP denuncia que Tomé segue a usar a Deputación como “chequera do PSOE” ao destinar 200.000€ para cubrir os “desfalcos económicos dos concellos afíns como Pol”

Ameijide sinala que non se trata da primeira vez que a Deputación ten que socorrer a un concello gobernado por socialistas, como fixeron o ano pasado co Concello de Viveiro para que puidesen pagar gastos correntes, “demostrando á neglixencia dos socialistas e nacionalistas cando teñen que xestionar unha administración”

Lugo, 21 de febreiro de 2024. Na xunta de goberno da Deputación de Lugo da semana pasada, José Tomé e o seu equipo de goberno aprobaron un convenio interadministrativo de cooperación co Concello de Pol para colaborar no financiamento dos gastos correntes dese municipio por importen de 240.000€, dos que 200.000€ serán aportados pola Deputación.

O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, pregunta a José Tomé, trala aprobación deste convenio, “se o goberno provincial pensa poñer en marcha unha liña de financiamento para sufragar os gastos correntes dos 67 concellos da provincia ou so vai a seguir pagando os cheques dos seus alcaldes afíns, mantendo esa liña do municipalismo de amiguetes”.

A realidade é que a institución provincial dirixirá fondos de tódolos lucenses a sufragar gastos correntes (combustible, seguros e reparacións de vehículos, entre outros…) dun único concello. “É certo que unha das funcións das Deputacións Provinciais é a cooperación cos concellos, como tamén o é o feito de que o goberno desta institución non colabora do mesmo xeito con todos os Concellos da provincia”, recordando o voceiro provincial popular os 15M€ que o goberno provincial repartiu a dedo en 2023 a través de convenios aprobados nas xuntas de goberno.

Eses case 15M€ repartíronse en 2023 a través de 93 convenios con 37 Concellos:

– 12,8M€ (87%) en 67 convenios para Concellos gobernados polo PSOE

– 1,33M€ (8,8%) en 19 convenios con Concellos gobernados polo BNG

– 472.000€ (6,4%) en 6 convenios para Concellos gobernados por independentes

– 74.000€ (0,5%) de carambola para un Concello gobernado polo PP porque quedaran amañados co anterior goberno municipal do BNG, no pasado mandato.

Por último, Ameijide recorda que dentro deses 15M€ repartidos en 2023 entre afíns xa houbo un convenio idéntico, asinado co Concello de Viveiro de ‘Dinamización de gastos corrente se mantemento de servizos” por un valor de 220.761,71€, dos que a Deputación achegaba 200.000€.

“A realidade é que nin socialistas nin nacionalistas saben xestionar unha administración cando chegan a ela, despilfarrando os cartos e dedicándoos aos seus afíns e para pagar as carreiras políticas dos seus amiguetes”, sentenciou.

Exit mobile version