“Falar de reindustrialización non é vir a Galicia e dicir como fixo a ministra Ribera no me lo sé, ou como dixo o ministro Hereu que non se puxeron co proxecto ata decembro; falar de reindustrialización é, dixo, dar certezas para que nesta comarca se poidan crear 2.500 empregos e investir 900 millóns de euros, tal e como dende o Goberno galego se leva traballando”, apuntou Lorenzana
Palas de Rei, 5 de febreiro de 2024. Membros da candidatura do PP lucense ao Parlamento galego, alcaldes e voceiros das comarcas de Chantada, A Ulloa e os concellos limítrofes da provincia de A Coruña -Melide, Arzúa, Toques e Santiso-, así como da responsable de Economía, Industria e Innovación e candidata pola provincia da Coruña, María Jesús Lorenzana, adiantaron que o Partido Popular instará no Congreso ao Goberno do Estado garantir a viabilidade de Altri e o acceso a fondos europeos Next Generation.
A petición dos populares xurde logo de que, “en menos de 48 horas, dous ministros desautorizasen o compromiso que o presidente do Goberno lle trasladou hai ano e medio ao presidente da Xunta, cando publicamente aseguraba o apoio do seu Executivo a este proxecto que é unha oportunidade significativa para o desenvolvemento económico e a innovación industrial en Galicia”.
Por este motivo, dende o PP instan ao Goberno non só a rectificar senón a dar un paso máis e colaborar coa empresas e os posibles socios potenciais para fortalecer a cadea de valor e garantir un impacto económico sobre o emprego local, ademais de modificar a Planificación Eléctrica 2021-2026 para asegurar a construción da subestación eléctrica para que a planta teña o abastecemento enerxético necesario.
“Falar de reindustrialización non é vir a Galicia e dicir como fixo a ministra Ribera no me lo sé, ou como dixo o ministro Hereu que non se puxeron co proxecto ata decembro; falar de reindustrialización é, dixo, dar certezas para que nesta comarca se poidan crear 2.500 empregos e investir 900 millóns de euros, tal e como dende o Goberno galego se leva traballando”, apuntou Lorenzana.
A este respecto, a titular de Economía, Industria e Innovación manifestouse moi crítica, pois “este Goberno socialista, apoiado polos independentistas, é responsable de deixar a Galicia fóra da planificación enerxética, ao limitar os investimentos na nosa Comunidade ao 2,6%, establecendo así unha discriminación con respecto a outras CCAA”.
ENCONTROS EN SARRIA, MONFORTE E QUIROGA
Lorenzana continuou o seu periplo pola provincia cunha visita á granxa Campomayor, tamén en Palas de Rei; e mantivo encontros con comerciantes de Sarria, con empresarios de Monforte e de Quiroga. Foi, precisamente, na cidade do Cabe, e acompañada das candidatas ao Parlamento número 6 e 11, Raquel Arias e Katy Varela, onde puxo en valor a aposta do Goberno de Alfonso Rueda para activar a nova Oficina Económica de Galicia; un canal único que permitirá reducir ata un 50% os tempos de tramitación dos expedientes administrativos. Trátase, explicou, dunha das novidades do Igape para este ano que xorde “para apoiar ao tecido empresarial”.
O Igape suma así unha nova variante á batería de medidas de apoio ás empresas que ten á súa disposición e que buscan dar un salto en innovación tecnolóxica, automatizando e axilizando os procesos internos e mellorando a competitividade empresarial no cambiante escenario actual. Trátase dunha aposta pola competitividade que centrará gran parte dos programas do próximo exercicio, sumando cerca de 80 millóns de euros do total do orzamento da entidade.
Para iso, habilitaranse distintas ferramentas, entre as que destaca a nova liña de incentivos e apoios para a atracción e implementación de empresas, con 30 millóns en tres anos en proxectos significativos, tanto por volume de investimento —entre 800.000 e 10 millóns de euros en activos fixos tanxibles e intanxibles— como por creación neta de emprego —máis de 25 novos postos de traballo-.