Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP condena 8 meses de caos nos servizos en Foz: “Cajoto abandona ás parroquias con Cangas sen luz e Cordido sen auga”

Os populares piden dar solución aos problemas dos veciños e, especialmente, aos das parroquias

Foz, 15 de febreiro de 2024. O portavoz do PP de Foz, Javier Castiñeira, condena a “absoluta e palpable inoperancia nos últimos días e, máis concretamente, dende o inicio deste mandato” por parte do equipo de goberno, “o máis caro, o máis amplo; pero o menos eficaz e menos efectivo”. Así o manifesta ante “o caos nos servizos e, especialmente, os problemas nas parroquias”; xa que “Cangas está sen alumeado público e Cordido sen auga”. É por iso polo que os populares piden “dar solucións aos veciños e, especialmente, aos do rural”.

“Se hai algo característico na xestión do señor Cajoto é que está despreocupado das parroquias. Os veciños de Cangas levan varios meses pedindo que solucione os problemas co alumeado público. E nos últimos días podemos ver que non hai servizo de abastecemento de auga en Cordido”.

Castiñeira subliña que “esta é parroquia desdeixada polo equipo de goberno. Os veciños levan cinco anos agardando a que o Concello realice as obras de soterramento da captación. Agora din que as inclúen dentro do proxecto de contratación do abastecemento de Foz; pero debérase ter feito para evitar estes problemas”.

“Co tema do abastecemento estamos a ver que o equipo de goberno o único que propón é subir as tarifas, pero non resolve os graves problemas que xa tivemos no núcleo urbano en Foz durante case 50 días nos que a xente tivo que comprar auga embotellada e só recibiu 60 céntimos por cada recibo”, lamenta.

Castiñeira explica que “dende o PP de Foz pedimos ao equipo de goberno que dea solucións aos veciños, especialmente do rural”. Así, convídaos que a que vexan que “as propostas que está facendo o PP nos plenos son para mellorar. Todo o que reclama o PP son feitos que tiñamos denunciado previamente, como pasou co Entroido”.

Así, defende que “quen está cumprir coa súa función é o PP dende a oposición”. Polo tanto, entende que “non se nos pode tildar de facer política cando o que estamos a facer é apoiando aos veciños e facéndoo de forma propositiva”.

Exit mobile version