A candidata Raquel Arias e o deputado no Congreso Francisco Conde visitaron unha SAT en Monforte e unha explotación familiar á que se incorporou recentemente un mozo en Bóveda
Arias aproveitou para explicar algunha das propostas do programa electoral do PP galego como un servizo de titorización e axudas para impulsar a incorporación de mozos por primeira vez ás gandarías. De feito, “o Goberno galego está a traballar nesta folla de ruta coa que xa se levan incorporado 4.700 mozos e mozas no período 2009/2023”.
Neste mesmo sentido, avanzou que “impulsaremos un bono mozo para o inicio de actividade dotado con 15.000 euros para aqueles mozos que se van incorporar á actividade agrogandeira”. E tamén “simplificaremos os procedementos administrativos relativos ás explotacións agrogandeiras, como os plans de mellora ou as axudas de incorporación de mozos”.
“O proxecto de Goberno do Partido Popular que encabeza Alfonso Rueda en Galicia ten clara a importancia do sector primario para a nosa comunidade e para a nosa provincia”, remarcou a candidata ao Parlamento galego.