Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP acusa ao BNG de “difundir bulos para confundir á comunidade educativa do colexio do Valadouro”

O PP subliña que “esta intervención demostra a aposta pola educación pública e a mellora destas instalacións”, mentres que “o goberno local do que forma parte o BNG non atende ás súas competencias: seguen tirados restos de chapas arrancados polo vento do pavillón”

O Valadouro, 16 de febreiro de 2024. O PP do Valadouro condena que “o BNG difunda bulos sobre a obra que está en execución no colexio de Santa María co único fin de tratar de confundir á comunidade educativa, a pesar de que todo o mundo ve que a obra está en marcha”. De feito, a intervención que supón un investimento de 328.000 euros está en execución e prevé rematarse este mes de febreiro.

A este respecto, o PP do Valadouro lamenta “o xogo sucio do BNG local” que a través da redes difundiu fotografías do colexio Santa María do Valadouro insinuando que a Xunta non ten vontade de melloralo, tal e como prometera. “Nada máis lonxe da realidade. A obra está en execución desde o Nadal”, subliña o portavoz, José Manuel Lamela.

O PP aclara que a obra está en execución, en prazo, e o único que resta por completar é ese patio porque se encargaron materiais específicos para a zona que están pendentes de recibir. En todo caso, rematará antes de que finalice este mes de febreiro.

OBRAS

A Xunta de Galicia licitou o pasado mes de xullo do 2023 a obra de mellora do colexio do Valadouro que foi adxudicada no pasado mes de outubro. E ao longo destes meses fóronse executando as distintas fases dos traballos “adaptándoos para causar a menor interferencia posible co actividade habitual do centro”.

A intervención consiste no cambio das cubertas dos soportais situados no acceso ao colexio e no patio; así como a da zona de despachos. Ademais, das carpinterías exteriores e as luminarias por equipos LED de menor consumo; e a instalación de de falsos teitos. E a pintura das zonas afectadas polas obras.

COMPROMISO DA XUNTA, DESPREOCUPACIÓN DO CONCELLO

O PP subliña que “esta intervención demostra a aposta pola educación pública e a mellora das instalacións dos centros de ensino dos concellos pequenos. E que, en canto rematen as obras, o colexio Santa María do Valadouro quedará en boas condicións para o seu uso por parte do alumnado e da comunidade educativa”.

Pola contra, “o goberno local do que forma parte o BNG non se está a preocupar polas competencias que son do Concello”. Dende a borrasca que afectou á comarca a pasada semana, “aínda non recolleron os restos de chapas que o vento arrancou do pavillón. Iso si que supón un perigo para os rapaces e rapazas”, indica Lamela.

Exit mobile version