A tenenta de alcaldesa Míriam Bermúdez, lembra que a recollida de enseres é gratuíta, “só hai que avisar previamente chamando ao 697 16 26 37 ou escribindo a ese mesmo número por Whatsapp”
A tenenta de alcaldesa e concelleira de Medio Ambiente, Míriam Bermúdez, lembra á veciñanza que “a recollida de enseres e residuos é gratuíta e na propia casa, só hai que avisar previamente chamando ao 697 16 26 37 ou escribindo a ese mesmo número por Whatsapp”.
“O depósito sen previo aviso ou incorrecto de enseres repercute nunha estética pouco coidada da vila, e resulta especialmente grave o depósito de residuos no monte cando se dispón deste servizo gratuíto”, sinala Bermúdez.
Dende a Concellería de Medio Ambiente estase traballando na Ordenanza de Convivencia e Residuos para exercer un maior control sobre estas situacións, recollidas na mesma como sancionables.
A nova ordenanza sancionará o abandono de residuos con multas de entre 50€ e 70€ para infraccións leves, de entre 751€ e 1.500€ para as infraccións graves, e de 1.501€ a 3.000€ para as moi graves, incluíndo estas últimas o depósito de materiais perigosos como a uralita. A previsión é que en dous ou tres meses poida tratarse no pleno municipal.
“Apelamos á responsabilidade individual de cada veciño e veciña para que situacións inaceptables como estas non se volvan dar”, recalca a tenenta de alcaldesa.