As persoas afectadas poden traer o resguardo do pago ao Concello para tramitar a súa anulación, ou, en caso de non ter resguardo, poden obtelo no banco levando a carta onde se lles notificou a multa
Viveiro, 21 de febreiro de 2024. O Concello de Viveiro informa de que un erro informático na tramitación das multas provocou que algunhas persoas recibiran a mesma sanción dúas veces, a pesar de ter abonado o seu importe previamente, a través da vía executiva da Deputación de Lugo.
Aínda se descoñece a orixe deste erro informático e se se orixinou por parte dos bancos encargados do cobro ou por parte das administracións. O problema afectou a un reducido número de veciños e veciñas do municipio.
Ante esta situación, o Concello pide disculpas á veciñanza polas molestias ocasionadas e se compromete a solucionar o problema. As persoas afectadas poden proceder de dous xeitos diferentes para anular a multa duplicada, en función de se conservan o resguardo do pago da multa ou non.
En caso de conservar o resguardo, poden traelo directamente ás oficinas do Concello de Viveiro, onde se lles axudará a facer a reclamación á Deputación para a paralización do expediente.
En caso de non conservar o resguardo, poden ir coa carta na que se lles notificou a multa ao banco onde realizaron o pago, que pode ser ou Abanca ou Caixabank, para obter alí un novo resguardo co que poden acudir ao Concello.