Mondoñedo, 28 de febreiro. 2029. Con motivo do Día Internacional da Muller, o Concello de Mondoñedo, a través do Centro de Información ás Mulleres, organiza unha serie de actividades conmemorativas.
Por unha parte, está en marcha unha nova edición dos concursos de debuxo “Debuxando en Igualdade” e de relatos “Letras para a Igualdade” no que se invita ao alumnado dos centros de primaria e secundaria dos concellos de Mondoñedo, Abadín, Lourenzá, A Pastoriza e Riotorto a participar cunha obra orixinal na que a temática sexa a igualdade entre mulleres e homes. O prazo de presentación de traballos está aínda aberto e haberá agasallos para as mellores obras consistentes en libros de lectura e material escolar. As bases de participación foron remitidas aos centros educativos e aos departamentos de Servizos Sociais dos concellos citados, podendo consultarse tamén no CIM e nas súas redes sociais.
Os actos institucionais e centrais serán o martes 8 de marzo e terán lugar na Praza do Concello a partir das 12 horas. Darase lectura á declaración en prol da igualdade que cada ano realiza o Concello para, a continuación, dar lugar á presentación do novo panel da exposición “A Historia de Mondoñedo leva nome de muller”. Nesta exposición, inaugurada no ano 2017, faise mención ás representantes do pasado, presente e futuro de Mondoñedo que dunha forma ou outra resultaron ser pioneiras na historia local. En este 2024 o panel estará dedicado a Dolores Lombardero, farmacéutica, a Elena Candia, política, e a Cristina Vázquez, atleta, e ás labregas de Mondoñedo. O panel de 2024 estará exposto durante todo o ano na entrada da Casa do Concello e os anteriores poden visitarse na sala de reunións de Servicios Sociais – CIM, situada no baixo da Casa do Concello.
Ao longo de todo o mes terán lugar obradoiros de igualdade e diversidade LGTBI+ nos centros educativos de Mondoñedo e A Pastoriza, un ciclo que se iniciou o pasado mes de novembro e ao que se lle da continuidade xa que se trata de materias transversais que non teñen data fixa no calendario.
O Concello colabora coa Asociación Sendeiriña de Mondoñedo que organiza unha charla para o próximo 15 de marzo ás 20:30 h na Casa da Xuventude sobre “Menopausia: entendiendo los cambios”. A Charla será impartida por Ezequiel Cardoso, xinecólogo do Hospital Público da Mariña Lucense.
Para o vindeiro sábado 23 de marzo terá lugar a entrega de premios dos concursos de debuxo e relatos.
Estas actividades están financiadas cos fondos recibidos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero a través do Ministerio de Igualdade.