O alcalde, Fran Cajoto, explica: “vimos a necesidade urxente de dar unha solución aos veciños de Cordido, por iso comezamos as obras este sábado. Un subministro alternativo a Cordido desde a potabilizadora de Fazouro vainos permitir subministrar auga para que os veciños a poidan consumir con total tranquilidade e sen ningún tipo de recomendación e tamén xestionar mellor a rede ante casos coma este”.
Fran Cajoto anuncia tamén que onte, venres, o Concello de Foz recibiu de Augas de Galicia a legalización da captación de Cordido. “Con esta concesión queda pendente unicamente que a Dirección Xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia dea o visto bo para que o Plan Xeral de Ordenación de Foz se aprobe de forma completa. As veciñas e veciños de Cordido levan seis anos agardando para poder construír unha vivenda: xa é hora de que se resolva este bloqueo administrativo e poidan ter os seus dereitos garantidos como o resto de veciños de Foz”.