Foz, 13 de febreiro de 2024. O control de mostras amosa valores de trihalometanos (THM) por encima dos límites permitidos de 100 µg/L. Aínda que o risco sanitario está asociado a un consumo continuado de auga durante anos con niveis de THM elevados, o Concello de Foz recomenda á poboación, como medida preventiva, non beber auga da traída nin preparar alimentos con ela ata que diminúan estes niveis, tal e como marca a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia. Esta recomendación é so para a parroquia de Cordido, xa que ten unha rede independente. O resto do concello de Foz no se ve afectado.
A concesionaria Gestagua está a traballar para resolver a incidencia á maior brevidade posible, dispoñendo un medidor de cloro en continuo e utilizando peróxido de hidróxeno para a oxidación da materia orgánica que puidese permanecer no depósito.
O alcalde de Foz, Fran Cajoto, explica que a auga é apta para o resto de usos, incluído o baño e a ducha ou a limpeza en xeral: “a concesionaria está a adoptar as medidas necesarias para que a auga volva aos niveis correctos. A nosa principal preocupación é que non se produza ningún tipo de risco para a saúde por mínimo que este sexa. Ata o de agora non tiveramos problemas de trihalometanos na rede de Cordido, que parecen motivados por un derrube de terras no río augas arriba da captación. Pedimos desculpas polas incomodidades que isto vai producir. Imos manter informados aos veciños das novidades, eliximos sempre ser transparentes en todo momento. Continuamos traballando para resolvelo á maior brevidade”.
O Concello de Foz está a traballar na legalización da captación de Cordido, pendente dunha resolución de Augas de Galicia, organismo que leva catro anos de atraso na tramitación do expediente. O estudio de viabilidade económica para o novo contrato da auga aprobado no pleno do mes de xaneiro leva prevista unha inversión para a mellora da potabilización de auga en Cordido e para a potabilizadora de Foz situada en Fazouro.