O rexedor municipal explica que “os viais de acceso ás vivendas só se poden cortar ao tráfico con autorización da Policía Local e do Concello e deben conservarse en boas condicións. Estamos intensificando o control polas queixas que nos chegan dos veciños, especialmente en zonas que teñen agora mesmo unha gran actividade forestal, como son San Acisclo e Santa Cilla, onde están a ser talados os montes queimados en outubro do pasado ano. Foz, con 100 quilómetros cadrados, foi o primeiro concello da Mariña e o quinto de Galicia en permisos de corta no ano 2023, o que dá conta da puxanza da actividade, que debe ser especialmente coidadosa en zonas poboadas. Estamos ademais a investir uns recursos moi importantes na conservación de camiños en zonas forestais, como os máis de 80.000 euros en asfaltados no barrio de Trasmonte, en Santa Cilla, que están a piques de rematar”.