Foz, 7 de febreiro de 2024. O Concello de Foz está mellorando viais en Trasmonte (Santa Cilla) e o alcalde, Fran Cajoto, que é responsable de obras, de conservación de camiños e do seu desbroce, manifesta que ao Concello “preocúpalle fondamente o estado dos viais nas parroquias, especialmente en zonas de moita presión forestal. É por iso que a Policía Local está a facer un traballo de control intenso en zonas de acceso a infraestruturas clave como o depósito de Cordido ou viais principais a barrios como Sobrado en San Acisclo”.
O rexedor municipal explica que “os viais de acceso ás vivendas só se poden cortar ao tráfico con autorización da Policía Local e do Concello e deben conservarse en boas condicións. Estamos intensificando o control polas queixas que nos chegan dos veciños, especialmente en zonas que teñen agora mesmo unha gran actividade forestal, como son San Acisclo e Santa Cilla, onde están a ser talados os montes queimados en outubro do pasado ano. Foz, con 100 quilómetros cadrados, foi o primeiro concello da Mariña e o quinto de Galicia en permisos de corta no ano 2023, o que dá conta da puxanza da actividade, que debe ser especialmente coidadosa en zonas poboadas. Estamos ademais a investir uns recursos moi importantes na conservación de camiños en zonas forestais, como os máis de 80.000 euros en asfaltados no barrio de Trasmonte, en Santa Cilla, que están a piques de rematar”.