Foz, 19 de febreiro de 2024. O Concello de Foz abre as portas da cafetería bar Náutico (situado na Praza Conde de Fontao, no Edificio de Asuntos Sociais) a todos os profesionais interesados na súa concesión este mércores 21 ás 11 horas. O alcalde, Fran Cajoto, anuncia que o prazo de presentación de ofertas remata o vindeiro luns, 26 de febreiro.
“Desde o Concello recomendamos a todos os interesados no contrato -exposto na plataforma de contratación do sector público do Goberno de España- que se acheguen este mércores, día 21, ás 11 horas para coñecer as instalacións. O contrato sae por un período inicial de tres anos, prorrogable a outros catro. Dentro do prego de condicións establécese que o horario mínimo de apertura será de luns a domingo de 9 a 21 horas e que o canon mínimo a abonar ao Concello -sobre o que se presentarán as distintas ofertas- será de 500 euros anuais. Ademais os maiores de 65 anos teñen prezos máximos establecidos, de acordo coa natureza social da cafetería”, indica o alcalde.
Fran Cajoto explica que “o obxectivo do Concello de Foz é recuperar para os nosos maiores un espazo que perderan e que servirá de punto de encontro, nunhas instalacións renovadas e adaptadas a persoas con problemas de mobilidade”.
O alcalde de Foz destaca as vistas e a calidade da nova terraza, sobre a que se realizará nas vindeiras semanas unha reparación de urxencia na varanda de protección, que sufriu danos durante a recente borrasca Karlotta.