Caramés: “A pesar da complexidade do proceso, a tenacidade que amosamos desde o Concello dá agora os seus froitos; é un día importante para Cervo no que vemos moi preto a meta dun camiño que sumou máis de 300 expedientes”
Neste senso, este xoves deron comezo os traballos de demolición parcial da estrutura que fora levantada no ano 2007 que acadará a proporcionalidade e a altura acorde ás construcións da zona, unhas dimensións idóneas para poder facer un aproveitamento do espazo no que está proxectado o futuro Centro Arqueolóxico da Mariña.
A rexedora, Dolores García Caramés, a tenente de alcaldesa, Mali Méndez, e o concelleiro, Alfredo Fernández, foron testemuñas este xoves “deste día importante” no que damos un paso de xigante para culminar o noso obxectivo de recuperar a panorámica de toda esta zona.
A alcaldesa explicou que o orzamento destes traballos ascende a 120.239,12 euros, e tamén quixo apuntar que a pesar da envergadura da actuación, o día a día da veciñanza que habita na zona apenas se verá afectado, “a obra vai influír minimamente no tráfico rodado e peonil, polo que nos apuntan os técnicos”.
O volume total a demoler ascende a 5.548,71 m3, e na estrutura aproveitaranse os sotos como aparcamentos e tamén para uso municipal; a demolición controlada farase en sentido descendente e empregarase a maquinaria habitual para este tipo de traballos e tamén robots manexados a distancia, para minimizar o impacto acústico e ambiental.
A alcaldesa recordou que o camiño non foi nada sinxelo, o expediente para chegar a esta demolición iniciouse no mes de outubro do 2018 e o Concello de Cervo foi tenaz e insistente e nunca desistiu no empeño de eliminar estas edificación e devolver á Atalaia o se esplendor, logo de máis de 300 trámites administrativos.
Este 22 de febreiro de 2024 é pois unha data marcada no calendario na que comezan os traballos de demolición que nos permitirán “eliminar o groso desta construción que provoca ese impacto tan negativo en toda a Península, mantendo os baixos da edificación que aproveitaremos para a creación do Centro Arqueolóxico da Mariña, o primeiro destas características na contorna”, sentenciou a rexedora.