“As nosas guerreiras continúan facendo historia e mantendo o nome de Burela no máis alto. Grazas por loitar con tanto traballo esta sexta copa que vén de novo para Burela”, sinalou a rexedora Carmela López
Burela, 5 de febreiro de 2024. O Concello de Burela felicitou ao equipo local Pescados Rubén Burela FS pola súa vitoria na Supercopa Feminina de Fútbol Sala de España.
Esta nova Supercopa é a quinta en ser obtida de xeito consecutivo polo equipo de fútbol sala. A final da competición celebrouse no Palacio San Miguel de Torremolinos, Málaga, e enfrontou ao equipo burelao co Poio Pescamar FS.
“As nosas guerreiras continúan facendo historia e mantendo o nome de Burela no máis alto”, sinalou sobre o equipo a alcaldesa de Burela, Carmela López. “Grazas por loitar con tanto traballo esta sexta copa que vén de novo para Burela”, engadiu.
A alcaldesa agradeceu así mesmo á afección do equipo “que cruzase a península para desprazarse ata Torremolinos e darlle forza ás xogadoras dende a grada”.
“Grazas por seguir escribindo a historia do fútbol sala feminino de cor laranxa” concluíu Carmela López.