Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Barreiros esixe ao portavoz da oposición, José Manuel Gómez Puente, unha rectificación pública das súas “temerarias declaracións sobre a salubridade da auga do depósito da Rilleira”

Desde o goberno municipal afirman que a boa calidade da auga nunca deixou de estar garantida

Barreiros, 25 de febreiro de 2024. O goberno de Barreiros asegura que non existe risco algún de “elementos contaminantes“ no depósito da Rilleira polo levantamento dunha das tapas metálicas debido aos fortes ventos destes días e que o abastecemento de auga potable en condicións óptimas para o consumo nunca deixou de estar garantido.

“Desde o goberno municipal vémonos obrigados a saír ao paso da nota de prensa publicada polo Partido Popular no día de onte na que realizan acusacións moi graves, que cuestionan o traballo dos empregados municipais e que tratan de alarmar á poboación con afirmacións infundadas” manifestou o alcalde en funcións, Antonio Veiga, que afirmou tamén: “o problema desde logo que non é a salubridade da auga, que é óptima, o problema son os bulos que xera o Partido Popular, obviamente con malas intencións”

Rectificación do bulo lanzado

Esíxenlle a Gómez Puente que faga rectificación pública das súas declaracións, tanto polo decoro no seu cargo como representante público e concelleiro coma polo da súa condición de servidor público nun servizo tan importante como é o da sanidade, e tamén por respecto ás veciñas e veciños.

Recordan tamén desde o goberno que hai catro días J.M Gómez, dun modo semellante ao de onte lanzou acusacións falsas manipulando a realidade sobre a recollida de lixo dun colector no barrio de Vilar, dándose a circunstancia de que a problemática que agora denuncia foi xerada por el cando era concelleiro de Medio Ambiente e responsable da recollida de lixo.

Insinuacións sen fundamento que se repiten

“Non é a primeira vez que o portavoz do Partido Popular de Barreiros utiliza a súa posición como sanitario no mesmo concello , para lanzar acusacións sen aportar proba algunha asustando ás persoas que acudían ao centro sanitario con problemas dixestivos, e que de xeito irresponsable achacou á auga, e no mesmo momento no que tivemos coñecemento desta “diagnose” comunicámonos oficialmente coa coordinación do centro de saúde que desmentiu tales afirmacións, polo que consideramos que as “persoas vinculadas coa saúde pública deberan ter un pouco de cautela e profesionalidade, e documentarse antes de emitir estes bulos por moitas ganas e presa que teñan en difamar ao goberno municipal” afirmaron tamén desde o concello.

José Manuel Gómez, pésimo xestor do ciclo da auga cando tivo responsabilidades de goberno durante varios anos

A concelleira de Saúde Pública, Montse Porteiro insiste en que o portavoz da oposición tivo responsabilidades de goberno non hai moitos anos “e desde logo que o seu interese pola salubridade da auga de consumo era máis ben nula, pois mesmo neste depósito da Rilleira, no que se precisa facer unha recloración, non existía automatización do proceso e facíase a mesma “a bulto”. Foi este goberno o que acometeu unha reforma integral deste depósito dotándoo dunha estrutura para clorar en función das necesidades e cambiando todo o sistema de tubaxes que estaban aportando residuos á auga, ao estar totalmente oxidadas xa que non foran reemplazadas desde a construción do depósito.

“Tampouco, lembra a concelleira, foron capaces nunca de dar formación ao persoal deste servizo nin de facer tratamentos da auga de consumo, como a floculación e coagulación, co fin de eliminar as sustancias que que leva en suspensión procedentes do río , chegando ás billas a maioría dos días un auga de baixa calidade, con turbidez e coloración”.

Desde o goberno de Barreiros insisten en que “non todo vale en política municipal, máxime cando se tenta atemorizar ás persoas con afirmacións sen pés nin cabeza, e que se é verdade que desde a oposición queren aportar e colaborar no bo funcionamento do Concello, como aseguran nos plenos municipais, este non é o camiño axeitado”.

Exit mobile version