Site icon Crónica3.com A Mariña

“O BNG gañará as eleccións se lle fai caso a Aznar”, por Gonzalo Vázquez López

“El que pueda hacer que haga, el que pueda aportar que aporte, el que se pueda mover que se mueva, el que pueda intentar… Cada uno en su responsabilidad tiene que ser consciente de la situación de crisis en la que estamos”. É unha transcrición literal das palabras pronunciadas por Aznar o 2 de novembro do ano pasado. Non vos ten o tufo dunha chamada golpista para derrocar a un “goberno ilexítimo”?

Porque cando a dereita perde o poder sempre é a apocalipse: España creba e os que a gobernan son uns “okupas”, felóns e filoetarras que aldraxan os valores patrios, así que todo vale para ir en contra destes terroristas: acusacións sen pés nin cabeza (como as que lle están a achantar a Ana Pontón), espionaxe, informes oficiais falsos, loiadas nas redes sociais e na prensa… e todo coordinado por unha maquinaria ben engraxada de xuíces prevaricadores, mandatarios corruptos e periodistas a soldo.

E deste xeito asistimos en Madrid a un aquelarre do esperpento cunha presidenta á que lle “gusta la fruta”, unha expresidenta que quere cortar o tráfico, un desatado González Pons que acusa de terrorismo ao Tribunal Constitucional e bonecas inchables e rosarios e exabruptos nazis… e un desnortado Feijóo que quere traer todo este cabreo a Galiza.

Isto é o que acontece cando non hai argumentos, nin xestión, nin programa. Os datos estatísticos falan dun país desmantelado logo dos 15 anos de goberno do PP na Xunta, así que de que vai a falar Rueda? O mellor é que fique calado e que fuxa dos debates. E se non lle queda outra, pois que fale da amnistía, de Bildu, dos pactos do BNG con terroristas ou do carallo vinte e nove. Que fale de calquera cousa menos de Galiza!

O PP está nervioso porque sabe que o voto do medo, o voto cativo no que sempre se apoiou xa non lles funciona. Os nosos paisanos xa non comungan con rodas de muíño e están fartos deses “patriotas” que utilizan as bandeiras para salvar as súas carteiras. A resposta de Ana Pontón, de grande intelixencia política, amosa un compromiso co país ao non entrar ao trapo das provocacións e falar tan só do que lles interesa aos galegos.

Que non vos desconcerte pois o título provocativo deste artigo xa que é seguro que o BNG gañará estas eleccións porque está a seguir os consellos de Aznar. Iso si, en clave galega, falando en positivo do que Galiza precisa e na defensa dos seus intereses:

“El que pueda hacer que haga”, que faga todo o posíbel para defender uns servizos públicos (sanidade, ensino, asistencia aos maiores…) hoxe en día precarios, degradados e cada vez máis privatizados. E se todos os indicadores amosan que se cuadriplicou a nosa débeda pública, a pregunta é obrigada: a onde foron a parar todos eses cartos?

“El que pueda aportar que aporte” toda a súa enerxía en prol do desenvolvemento do noso Estatuto (cero competencias en 15 anos de goberno do PP), a prol das empresas estratéxicas, a favor dunha industrialización respectuosa coa natureza para que os nosos mozos non teñan que emigrar (máis de 200.000 nese período).

“El que se pueda mover que se mueva” na defensa da nosa cultura e da lingua (cada vez son máis os nenos que entran na escola falando galego e saen falando castelá), por unha política que fomente a vivenda pública, as infraestruturas viarias, as estradas, o transporte…, e sempre tendo en conta os intereses da maioría.

“El que pueda intentar…” que non o intente e que vote o domingo para botar da Xunta a esa cuadrilla que xa leva demasiado tempo saqueando e arruinando o país. Dá igual a ideoloxía, o mesmo dá o que votásemos noutras ocasións, “os bos e xenerosos” que se preocupan por Galiza deberían apoiar á unica forza política que lle pode plantar cara ao PP pois ese é o único voto útil, o voto máis necesario, o voto ao BNG.

E agora vouche pedir algo ben raro nun artigo de opinión. Non leas máis! Antes de continuar consulta os artigos 40, 41, 43, 47, 49 e 50, por citar algúns, do capítulo 3º da Constitución do 78. Xa? E agora respóndeme: imaxinas ao PP gobernando outros catro anos máis na Xunta? Que quedaría do noso país? Esa si que sería a “Apocalypse Now”!

Xa que logo, faille caso a Aznar: “Cada uno en su responsabilidad tiene que ser consciente de la situación de crisis en la que estamos” e vota en consecuencia. Unha aperta e vémonos nas urnas. Agora é o momento.

Exit mobile version