“O actual rexedor ribadense, non contento con ese desprezo, participou da cerimonia da confusión e tirou polo alto falando de algo que aínda está por vir: a construción dun novo centro de saúde. Un día especula con cambialo de sitio e outro bota a casa pola ventá e fala de até 3,5 millóns de euros para tapar a cifra real, concreta e prometida de 700.000€ para a reforma integral do Hospital Asilo. Ou Dani Vega non se decata de nada, ou quérenos facer parvos a todos e todas nós”.
“Como ten o rexedor ribadense a vergonza de prometer 3,5 millóns para o centro de saúde se os seus amigos de partido se negaron a aprobar no Parlamento un millón para a construción do mesmo? Dani Castro, o noso veciño e deputado polo BNG na anterior lexislatura, e actual candidato número dous pola provincia de Lugo, ten proposto emendas aos orzamentos da Xunta para que se dispuxeran os 700.000€ para a reforma integral do Hospital Asilo e un millón para o novo centro de saúde. Pero alí estaban os deputados e deputadas do PP para votar non. Así é o actual alcalde de Ribadeo: non cumpre cos compromisos adquiridos e despois disimula prometendo cousas coma se non houbera un mañá”.
“Ben pouco caso lle fan en Santiago! Vese que o seu cargo de presidente de comisión de pouco lle valeu. Trátano coma a un trapo político para intentar sacarlle lustre aos altos cargos do PP que pasan por Ribadeo. Non hai ninguén vinculado a Ribadeo nas listas do PP de Lugo e veñen aquí a rir de nós. E o actual alcalde, quen sabe se agardando a que lle paguen dous ou tres caprichos máis. O vindeiro 18 de febreiro podemos poñerlle remedio a esta situación. Está nas nosas mans. Non quedemos na casa”.
“Votemos Ana Pontón. Votemos Dani Castro. E poñamos a andar a esta caste de incompetentes camiño da oposición”.