Ribadeo, 13 de febreiro, 2024. O BNG de Ribadeo amósae preocupado polo que cualifican de retroceso percibido nas políticas da Concellería de Igualdade. Explican que: “Non é a primeira vez no que vai deste mandato municipal que amosamos a nosa decepción e enfado coa deriva que están a tomar as políticas de igualdade do noso concello”.
“O que puido parecer ao principio inexperiencia ou descoñecemento tórnase a cada nova convocatoria ou publicación nun sen sentido, nunha falta de rigor cara a cuestión tan sensible e importante como é a defensa da igualdade”.
“Tras a polémica da lamentable xestión dos puntos lilá no verán e un 25N sen propósito e mobilización efectiva, sorpréndennos agora cunha campaña de San Valentín cando menos desconcertante”.
“Nela convídannos primeiro a reflexionar sobre o significado das relacións, para despois sacar á palestra, e sen anestesia, o amor romántico. Ese amor no nome do cal tantas nenas e mulleres crecen e viven sometidas a ideais irrealizables, que condicionan a súa autoestima e a súa capacidade de establecer límites, aceptando que o amor é todopoderoso e por amor todo se soporta”.
“Un departamento de igualdade debería ter claros certos conceptos porque ten unha responsabilidade social, non limitarse a unir palabras bonitas sen coherencia ningunha. Por se fose pouco, rematan o texto enlazando a celebración do 14 de febreiro cunha sorte de campaña publicitaria que asocia expresar o amor con facer regalos (comprados claro). Que desatino”.
“Continuando cronolóxicamente, pasamos ao vindeiro 8 de Marzo, no que as mulleres de Ribadeo estamos convidadas a “viaxar en igualdade” desfrutando das augas termais dun spa, voltando unha vez máis aquí á mistura de conceptos. Aínda que unha viaxe entre mulleres a un balneario poida ser unha actividade óptima para tecer lazos entre nós, de desconexión da rutina e desfrute, de compartir experiencias… entra a dúbida de onde queda a igualdade nesta proposta cando se realiza un día laborable en horario de mañá e tarde, excluindo xa deste xeito a calquera muller traballadora ou con persoas a cargo. Bastante limitante ó noso parecer para o título escollido, así como limitante é tamén á elección da data para esta viaxe, un 8 de marzo. Certamente semella que hai interese en que o Día Internacional da Muller nos poñamos a remollo e nos relaxemos caladiñas, non vaia ser que nos dea por saír ás rúas unidas e fortes a reivindicar todo o que a sociedade aínda ten pendente con nós”.
“Desde un Concello non se deberan diluir as datas de reivindicación e loita feminista en actividades lúdicas varias que embarullen a finalidade destes días. As mulleres, por desgraza, aínda non nolo podemos permitir”.
“Semella que esta Concellería de Igualdade se instala no retroceso, e os pasos atrás non teñen cabida no ano 2024. Non cando somos moi conscientes de que seguimos a vivir baixo un sistema patriarcal que nos marca, ás mulleres, até onde podemos chegar, que nos discrimina nos traballos e nos salarios, que invisibiliza os coidados e a quen os realiza, que ignora a violencia obstétrica, que nos esixe ser perfectas en todos os eidos, que considera nalgunhas enquisas que xa temos “suficiente igualdade”, que nos instala no amor romántico boicoteando a nosa capacidade para establecer unha rede sá de afectos baseada na autoestima e no respecto. Un sistema, en todo caso, que é a semente da violencia machista”.
“Dende o BNG de Ribadeo apostamos sempre pola coeducación, por promover e visibilizar a importancia do papel das mulleres na sociedade e pola loita feminista, que continúa a bregar contra un patriarcado que segue a ollarnos dende a superioridade que él mesmo se otorgou”.