Ribadeo, 27 de febreiro de 2024. O alcalde, Dani Vega, considera fundamental o dragado da ría de Ribadeo para seguir impulsando economicamente a zona portuaria.
O rexedor declarou que “desde o Concello seguimos a colaborar con todas as administracións neste caso coa Xunta de Galicia no dragado da ría de Ribadeo, algo fundamental e prioritario para o impulso da ría. Nosoutros queremos que a inversión veña de todas as administracións, veña de onde veña o importante é o impulso económico e a colaboración con todas as administracións”.
Vega subliñou que “no caso do que estamos a falar, o dragado da ría, son 2 millóns de euros de inversión e un impacto económico superior. Cabe facer unha reflexión: se nestes momentos non estivese facéndose o dragado da ría moitas empresas que están localizadas no porto de Mirasol, en Ribadeo, xa non estaban senón que estarían noutros puntos. E nosoutros iso non o podíamos permitir”.
O alcalde lembrou que “xa cando estabamos na oposición aquí, xa cando eu estaba no Parlamento de Galicia, esixía sistematicamente que a ría fora dragada. Nestes momentos estanse a realizar eses traballos e non nos podemos quedar aí. Este é un dragado moi importante, pero o que debemos é estar atentos e facer os traballos necesarios para que o dragado da ría sexa constante, de forma paulatina e no momento necesario. Polo tanto, a Consellería non é que veña dragar e esquecerse de Ribadeo, non a Consellería, a Xunta, ten que facer este dragado e facer os estudos pertinentes para dragar paulatinamente”.
Para Dani Vega “un traballo conxunto sempre da os seus froitos e neste caso o dragado da ría de Ribadeo é algo fundamental e prioritario para seguir impulsando economicamente a nosa ría, para seguir apoiando ás empresas que están aí localizadas no porto de Mirasol, a creación de emprego e ese impulso económico de Ribadeo”.
O rexedor engadiu: “seguimos colaborando e traballando con todas as administracións. Iso é o que realmente importa para que o financiamento veña para a nosa localidade”.
O conselleiro do Mar en funcións, Alfonso Villares, a xefa territorial Mariña Gueimunde, o presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, e a concelleira de Turismo, Marta Saiz, visitaron esta mañá as obras de dragaxe da canle de acceso ao porto ribadense.