Madrid, 26 de Febreiro 2024. Baixo o lema “O campo esixe apoio, respecto e recoñecemento”, esta mañá o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) participou canda milleiros de persoas procedentes de todo o Estado na manifestación e tractorada convocada en Madrid pola COAG, UPA e ASAJA con motivo da xuntanza do Consello Europeo de Ministros de Agricultura.
As organizacións agrarias demandamos na capital do Estado respostas rápidas e estruturais á crise actual á que se enfronta o sector agrario, comezando pola eliminación da burocracia que nos afoga; a articulación de mecanismos efectivos para acabar cos baixos prezos en orixe e coas marxes abusivas entre os prezos que perciben as persoas agricultoras e os altos prezos que pagan as persoas consumidoras; cambios nas medidas que afectan negativamente ás pequenas e medianas producións -que son maioritarias en Galicia- ou que non están adaptadas á realidade galega ou da Cornixa, así como deixar de utilizar a agricultura como moeda de cambio nos chamados Tratados de Libre Comercio, que facilitan a importación de alimentos que non cumpren os estándares mínimos de seguridade e protección do medio ambiente esixidos na UE.
Asemade, o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas está tamén hoxe a participar nas mobilizacións convocadas en Bruxelas pola Coordenadora Europea Vía Campesina (CEVC) e outras organizacións agrarias e sociais aliadas, nas inmediacións da xuntanza de ministras/os. Na liña das reivindicacións defendidas en Madrid -e a semana pasada nas mobilizacións desenvolvidas na Galiza-, dende a CEVC insistimos na importancia de regular os mercados e conseguir que a Directiva sobre prácticas comerciais desleais sexa obrigatoria, co fin de garantir prezos xustos e estables, protexidos da especulación, que cubran os custos de produción e o traballo das persoas labregas; a eliminación dos Tratados de Libre Comercio e a competencia desleal deben ser prioridades. Tamén esiximos que a Unión Europea manteña o principio de precaución e deteña a desregulación dos organismos xenéticamente modificados e das novas ténicas xenómicas; que sexa asegurado un orzamento suficiente e unha distribución equitativa das axudas da PAC, a fin de facilitar unha transición xusta cara a agroecoloxía e as prácticas sostibles, así como a redución das cargas administrativas para as pequenas e medianas granxas.
En declaracións dende Madrid, a Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), Isabel Vilalba, salientou que estas mobilizacións estanse a levar a cabo nun momento decisivo: “Estamos perdendo moita poboación dedicada á agricultura. No noso caso seis de cada dez persoas agricultoras xubilaranse nos próximos anos. Temos un contexto de dificultade enorme no sector agrario e na zonas rurais, e isto pode ser a puntilla para que moita xente teñamos que abandonar o sector. Entón, estamos moi pendentes do día de hoxe. O propio Ministerio dixo que se estaban facendo estas políticas como unha especie de despotismo ilustrado, é dicir, unha maneira de gobernar de maneira déspota, obviando todas as dificultades que ten un sector estratéxico que é o que proporciona alimentos ao conxunto da sociedade. Esperemos que estean á altura as decisións que tomen hoxe e senón teremos que seguir na loita para defender o sector agrario e gandeiro”.
Dende o Sindicato Labrego Galego demandamos que se activen os cambios necesarios para que a Política Agraria Común estea verdadeiramente ao servizo do dereito á alimentación, tanto no que respecta á produción como á comercialización e consumo. A actual orientación cara as exportacións e o mercado internacional non beneficia ás persoas consumidoras e prexudica ao medioambiente, ao tempo que provoca que as persoas labregas recibamos prezos que non cubren custos nin remuneran o noso traballo. É un sistema que só beneficia á agroindustria e aos grandes poderes económicos, á costa dun ben imprescindíbel como é a alimentación.