Site icon Crónica3.com A Mariña

Mayra García ratifica o compromiso do goberno central e de Besteiro co futuro de Alcoa

A candidata número 3 do PSdeG pola provincia de Lugo trasladou este xoves aos representantes dos traballadores da planta de Alcoa que os socialistas liderados por Besteiro “seguirán a loitar e dando a cara para manter a actividade industrial e os postos de traballo na Mariña”

Viveiro, 8 de febreiro de 2024. A candidata socialista ás eleccións autonómicas pola provincia de Lugo Mayra García Bermúdez ratificou este xoves nunha reunión mantida cos representantes dos traballadores da planta de Alcoa San Cibrao, en Cervo, o compromiso “absoluto” do Goberno Central e de José Ramón Gómez Besteiro co futuro da compañía. Lembrou a socialista que “grazas a xestión de Besteiro en Madrid o Consello de Ministros aprobou a modificación do Real Decreto que permitiu desbloquear para este 2024 os cinco parques eólicos que estaban fóra de prazo, garantindo así o abastecemento de enerxía á factoría”.

Durante o encontro, a candidata ao Parlamento de Galicia trasladou ao Presidente do comité de empresa e os seus representantes que os socialistas “seguirán a loitar e dando a cara para manter a actividade industrial e os postos de traballo na Mariña, tal e como estamos a facer hoxe aquí”. Acompañada polas Alcaldesas de Viveiro, María Loureiro, e de Burela, Carmela López, e a socialista Patricia Otero, lembrou a candidata que a compañía ameazou a finais de xaneiro con non reactivar a fábrica de aluminio, o que supoñería o incumprimento do compromiso adquirido con traballadores e o Goberno.

“Tralo anuncio o Goberno volveu convocar a comisión de seguimento de Alcoa e tras esta reunión, a multinacional deu marcha atrás os seus plans comprometéndose a rearrincar a fábrica días despois, como finalmente fixo, pese a manter o aviso sobre o impacto nas súas contas”. Polo que, seguimos a demostrar que os socialistas “estamos ao carón dos traballadores e traballadoras defendendo a viabilidade desta factoría, escoitando as súas preocupacións e traballando a reo para poñer en riba da mesa solucións que manteñan a súa actividade, porque sabemos da vital importancia que ten especialmente para a Mariña, pero tamén para toda Galicia”.

Exit mobile version