Site icon Crónica3.com A Mariña

Mayra García: “Necesitamos o liderado de Besteiro para proxectar A Mariña como a potencia pesqueira que é”

A candidata número tres da candidatura socialista pola provincia de Lugo ás eleccións autonómicas reuniuse hoxe en Burela con representantes do Porto para escoitar as súas necesidades e reivindicacións

A Mariña, 1 de febreiro de 2024. A número tres da candidatura socialista pola provincia de Lugo ás eleccións autonómicas, Mayra García Bermúdez, reivindicou este xoves na Mariña “o liderado de José Ramón Gómez Besteiro para desbloquear o problema industrial e económico que lastra a comarca por culpa do PP e para proxectar a A Mariña como a potencia pesqueira que é”.

A socialista mantivo un encontro con representantes de Armadores de Burela (Absa), a Organización de Produtores Pesqueiros de Burela (OPP) e a Confraría de Pescadores, onde se interesou pola súa situación e escoitou as principais demandas e preocupacións. “A pesca é un sector moi importante para a comarca, pero tamén para o conxunto da provincia. Con Besteiro á fronte da Xunta, A Mariña collerá a forza que necesita como motor económico que é, logo de anos de esquecemento e falta de apoio dos gobernos de Rueda e Feijóo. Na Mariña merecemos máis”, asegurou García Bermúdez.

“O sector da pesca é estratéxico pola súa contribución ao mantemento da actividade económica e do emprego en localidades costeiras, como é o caso desta comarca, que dependente directamente de toda a actividade que xeran os portos de Burela e de Celeiro”, subliñou.

“Unha das grandes preocupacións do mundo da pesca ten que ver coa falta de relevo xeracional, con dificultades en atopar xente nova que queira desenvolver este tipo de traballos”, sinalou, ao tempo que avanzou que José Ramón Gómez Besteiro demandará incluír determinadas profesións do sector pesqueiro no Catálogo de Ocupacións de Difícil Cobertura, que elabora o Ministerio de Traballo para cada provincia.

“Na Mariña necesitamos o liderado, o impulso, o proxecto de futuro e a capacidade de xestión de Besteiro”, afirmou García Bermúdez. Avanzou que José Ramón Gómez Besteiro xa presentou un plan de acción para potenciar o consumo do peixe galego, que sufriu unha caída de consumo dun 32% na última década, ao tempo que tamén se comprometeu a establecer medidas como a introdución de peixe tres veces á semana nos comedores escolares, hospitais e centros de maiores que dependen da Xunta; impulsaremos o consumo e as accións educativas, priorizando aos mozos e mozas na promoción do consumo de peixe”.

A socialista tamén evidenciou que a Xunta deixou sen executar o 51% do fondo europeo para a Pesca (FEMP), “perdendo unha importante oportunidade para a modernización do sector pesqueiro. Un exemplo claro da mala xestión do PP na Xunta nos últimos dez anos”. Nese sentido, lembrou que o candidato socialista á presidencia da Xunta, Gómez Besteiro, xa anunciou hai semanas que proporá a creación dun organismo similar ao FROM, que eliminou Rajoy no 2012, para promocionar o consumo de peixe e aumentar o seu valor.

Exit mobile version