O concello ten solicitadas sen éxito desde hai moito tempo reunións co presidente da Xunta e con varias consellerías
Vilalba, 22 de febreiro de 2024. A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, confía en que o novo goberno da Xunta de Galicia “sexa máis dialogante e afronte cunha mellor predisposición a búsqueda de solucións para varios temas e proxectos que necesitan unha solución urxente no noso concello”.
“Non se trata de tratar ben a un goberno local progresista, son os nosos veciños e veciñas os que merecen unha atención sanitaria digna no centro de saúde ou unha estación de autobuses en boas condicións”, lembra Rouco, que felicita “ao señor Rueda polo resultado electoral”.
A alcaldesa considera que “un primeiro paso debería ser incrementar o diálogo cun concello tan importante como Vilalba. Nada máis tomar posesión Alfonso Rueda, hai dous anos, pedimos unha reunión para desbloquear proxectos clave para Vilalba, pero en ningún momento atendeu a nosa solicitude”.
Ademais, o Concello de Vilalba ten solicitadas sen éxito desde hai meses reunións coa Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a Consellería de Política Social, ou a Secretaría Xeral para o Deporte para desbloquear proxectos clave para Vilalba.
“Hoxe mesmo, o presidente da Xunta dixo que non quería 100 días de marxe, que xa traballaba con normalidade, e eu pídolle que teña en conta aos veciños e veciñas de Vilalba”, afirma Marta Rouco.
“Hai demasiados asuntos pendentes, como tamén o centro de día ou a necesidade de que a Xunta aporte máis financiamento ao Servizo de Axuda no Fogar, ao que desde o concello aportamos 3,3 millóns de euros anuais”, manifesta a alcaldesa.
“Comeza unha nova lexislatura autonómica e eu confío en que chegue tamén á Xunta unha nova forma de entender a política; os veciños e as veciñas de Vilalba así o merecen”, remata Marta Rouco.