A Mariña, 8 de febreiro, 2024. Varias localidades sufriron problemas co subministro eléctrico ao longo da tarde. Rexistráronse casos en Xove, Trabada, Riotorto, Viveiro, O Vicedo, Alfoz, A Pontenova, Cervo, Barreiros, Ribadeo ou Lourenzá.
O vento tamén se deixa sentir, sobre todo na provincia de Lugo. De feito, varios particulares informaron aos xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias da caída de lousas dun edificio da rúa Río Xunco (Burela) sen que ninguén resultase ferido. Tamén en Burela, esta vez na travesía do Porto, un alertador explicou que acababa de romper unha terraza de cristal e que os restos caeran á rúa. Outros avisos incluíron a chamada por unhas tellas doutro inmoble que saíron voando na rúa de Salvador de Madariaga, en Foz.