Site icon Crónica3.com A Mariña

“Homenaxe a Cataluña. Ler o xornal como exercicio mental”, por Antonio Gregorio Montes

Non hai tanto tempo aínda que lin ‘Homenaje a Cataluña’ (é dicir, a tradución castelá da obra de G. Orwell). A verdade, pensei que ía ser outra cousa, pero aínda así, gustoume ó tempo que me deu unha visión que non tiña sobre o ambiente de guerra naqueles anos convulsos da guerra civil, en particular en Cataluña.

Volvín lembrar o tema hoxe mesmo a conto dunha editorial nun diario editado en Galicia, que non en galego, no que, unha vez máis na liña do xornal, fai un ataque a certos partidos cebándose no corpo do estado cunha editorial precisamente con ese título, ataque ó estado de dereito.

Hai tempo que veño lendo o xornal -en xeral, os xornais, non só unha cabeceira- como exercicio mental. Tentando separar os feitos das opinións vertidas como feitos a través de diversos métodos, entre os que non está a vontade de presentar as cousas de xeito obxectivo nin o presentalas dun xeito completo que de lugar á creación dunha interpretación independente. Na mesma liña, tamén veño observando dende hai máis de trinta anos a deriva da prensa a nivel estatal. Digo, hai máis de trinta anos porque hai algo menos dese tempo lembro ter participado nun pequeno coloquio con xente doutros países onde aínda gababa o nivel da prensa en España, mesmo axustando que cría que xa comezara un certo declive.

O caso é que debera ser raro e vergonzante o ataque a unha lei que aínda non se presentou e da que pouco se sabe, co argumento de que é ilegal, ó tempo ó que se ataca a quen a promove, polo feito e promovela, como se se tratara de delincuentes collidos in fraganti. No tempo transcorrido dende o comezo deses ataques, deu voltas, ten informes de legalidade, apoio explícito ou implícito de diversas instancias, pero segue a ser atacada máis ou menos nos mesmos termos: lei ilegal impulsada por delincuentes. Pouco importa, do mesmo xeito que pouco parece importar tratar a xente que protesta como se fosen terroristas nunha lei que xa ten un decenio de coacción ó pobo.

Como dicía, volvín a lembrar a obra de Orwell a conta de todos os ataques a Cataluña co enunciado de ‘defensa de España’, no que resulta ser un ataque a unha parte do estado para tentar manter unha idea hexemónica dese mesmo estado que se di defender.

Non o entendo. Non entendo a escalada de agravios, moitos deles entendidos como tales só por privilexiados que negan eses privilexios ó resto, o motivo do agravio. Por certo, algo compartido por ambos bandos, ou peor, por ambas bandas.

Exit mobile version