Un solitario tanto de Dany no segundo tempo bastoulles ás Guerreiras Laranxas para enlazar o seu quinto entorchado nesta competición
O primeiro tempo foi de alternativas e moito control. Rafinha e Dany probaron fortuna nos tres primeiros minutos de xogo, pero o disparo da primeira íase lixeiramente desviado e o da segunda non poñía en apertos a Elena ao ir demasiado centrado. A partir de aí, o Poio Pescamar tamén se atreveu a achegarse á portería defendida por Caridad. Laura Uña recibía un balón soa na área, aínda que un pouco escorada, e a gardameta de Sanlúcar de Barrameda aparecía providencial para meter unha boa man. Despois tentaríao Ale de Paz nunha falta directa que se foi desviada.
Superado o ecuador do primeiro tempo, as mariñás dispoñían de tres ocasiones en tan só un minuto. Antía finalizaba demasiado centrado unha boa deixada de Rafinha xogando de pivote, Dany non atopaba o camiño da portería tras un gran xiro e Irene Samper, na oportunidade máis clara do primeiro tempo, atopábase coa base do pau esquerdo da meta de Elena tras unha gran condución individual. O partido arrefriaríase a nivel de ocasións ata os últimos segundos, cando a poiense Elena tiña que aparecer para sacar un lanzamento moi perigoso de Emilly.
As porteiras foron as grandes protagonistas no arranque do segundo período. Caridad realizaba unha boa estirada abaixo para desviar un lanzamento de Laura Uña á reviravolta e a súa homóloga na outra portería non era menos cun pé salvador diante dun disparo seco abaixo de Antía. Dany, desde uns 12 metros, probaríao despois e de novo respondía Elena enviando a córner.
No minuto 26, como preludio do tanto laranxa, as discípulas de Julio Delgado dispuxeron dunha tripla ocasión. Un primeiro remate de Patricia era desviado por unha futbolista poiense e a punto estaba de coarse na meta de Elena. Despois, á saída do córner, tocaba a porteira conserveira o xusto para rexeitar un remate de Emilly e por último, tras outro saque de esquina, tiña que meter as mans para sacar con apuros un canonazo da propia Emilly. Na seguinte ocasión chegaba o gol de Dany, que aproveitaba un balón morto no corazón da área para bater a Elena.
As pontevedresas responderon rápido nunha acción de estratexia cun balón de Ale de Paz que se dirixía ao ángulo, pero aparecía Caridad cunha estirada espectacular para evitar o empate. Foi un espellismo, porque as laranxas dominaron ben a situación e o Poio Pescamar non dispuxo de máis ocasións salientables.
Antes de que as visitantes, a pouco máis de tres minutos da conclusión, probasen sorte con Ale de Paz como porteira xogadora, Antía dispuxo de dúas boas ocasións. A primeira fabricouna ela mesma roubando un balón en campo contrario, pero o seu remate diante de Elena foi moi desviado, e a segunda chegou tras unha boa acción de Emilly, que deixaba soa á de Laza, pero nesta ocasión sacaba un lanzamento demasiado cruzado. A brasileira, cun disparo desde campo propio, tivo a última para sentenciar o encontro. As poienses tentárono ata o final coa porteira-xogadora, pero o Pescados Rubén Burela defendeuse con moita orde e o título viaxará para A Mariña.
Ficha Técnica Pescados Rubén Burela FS 1-0 Poio Pescamar
Pescados Rubén Burela FS (1): Caridad; Antía, Rafinha, Emilly, Dany -quinteto inicial-, Cami, Patricia e Irene Samper.
Poio Pescamar (0): Elena; Martita, Ale de Paz, Elena Aragón, Laura Uña -quinteto inicial-, Elena Aragón, Irene García, Carla Ayensa e Marta Peñalver.
Goles: 1-0, min. 27: Dany.
Árbitros: Jesús Barrilero e Tiare Valencia (Colexio Andaluz). Amonestaron á burelista Irene Samper e a poiense Irene García.
Incidencias: Final da Supercopa de España disputada no Palacio San Miguel de Torremolinos (Málaga) ante máis de 1.400 espectadores.