Site icon Crónica3.com A Mariña

Galicia reclama modificar a resolución que reparte a cota de xurelo para o Cantábrico e noroeste co fin de evitar danos irreparables á frota afectada

A medida afecta a frota con artes distintas ao arrastre e o cerco, como unha ducia de barcos que utilizan o racú, unha trintena a volantilla e vinte a volanta

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2024. A Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica presentou unha proposta de modificación á ultima resolución da Secretaría Xeral de Pesca (SXP) pola que establece disposicións adicionais para ordenación das pesqueira do xurelo no caladoiro do Cantábrico e noroeste (zona CIEM 8C) para barcos que utilizan artes de pesca distintas ao arrastre e o cerco. Esta disposición realiza un reparto provincial da cota desta especie e establece uns topes de capturas que, segundo a valoración da Consellería do Mar, son contrarias á realidade do sector en Galicia e non se axustan ao esforzo pesqueiro real das embarcacións que faenan na zona.

Aproba está no feito de que o ano pasado, debido a unha resolución que tampouco non permitiu unha xestión óptima do recurso, consumiuse menos do 60% da cota que se podía pescar por parte da frota galega de artes menores, quedando sen utilizar preto de 33.000 quilos froito deste desaxuste.

Así, a decisión pola que o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación traslada os recortes de capturas aprobados no Consello de Ministros da UE para o xurelo á frota como cota accesoria e non dirixida establece que un reparto de 93.900 quilos para toda esta área para as embarcacións que non usan nin a modalidade de pesca do arrastre nin o cerco, establecendo un tope para o xurelo de 30 quilos por embarcación á semana. Deste total, 62.118 quilos corresponderían á provincia da Coruña e 3.822 quilos á de Lugo.

A Consellería do Mar fundamenta a súa reclamación de modificación da resolución polo feito de que o novo escenario xera unha barreira a este segmento de frota, no que en Galicia como altamente afectados figuran unha ducia de barcos que utilizan o arte o racú, unha trintena de embarcacións que faenan á volantilla, aos que hai que sumar algunhas unidades que utilizan o arte do cerco piobardeira. Son buques que faenan en exclusiva en augas galegas e non se desprazan a Asturias, Cantabria ou o País Vasco para participar en outras costeiras como a da xarda ou o bocarte.

Así, trasládase que nin a cota asignada de pesca accesoria de 65.940 quilos, nin o tope de 30 quilos por barco e semana establecen unha proporcionalidade e axuste adaptado para as provincias galegas nin ao esforzo pesqueiro xerado polo segmento da frota afectado. De ter en conta a cota asignada de 65.940 quilos, máis a cantidade dispoñible sen consumir de 2023, que ascendeu a case 33.000 quilos, suporían preto de 99.000 quilos que, co tempo de pesca dos sesenta barcos afectados (sumarían 1.150 semanas) poderían xustificar a elevación do tope semanal ata os 86 quilos por semana, case o triplo do que inicialmente aparece reflectido na resolución.

No solicitude, sen embargo, indícase que o convinte sería un tope de 500 quilos por barco e semana se o que se busca é manter unha viabilidade mínima destas embarcacións con alta dependencia, xa que a pesquería desta especie non é lineal ao longo do ano, o que permitiría aproveitar os picos de presencia da mesma nos caladoiros.

Conclúe a dirección xeral que lidera Antonio Basanta que a exposición dos feitos evidencia a existencia duns danos de difícil reparación que obrigan a revisar e modificar a resolución co fin de asegurar a protección dos intereses socioeconómicos dos barcos afectados, tal e como establece nos alicerces regulamentarios que sustentan a Políticas Pesqueira Común (PPC).

Exit mobile version