Site icon Crónica3.com A Mariña

Formoso pídelle a Alcoa “que aclare como inflúe no futuro da planta de San Cibrao” a compra de Alumina Limited

O secretario xeral do PSdeG solicita que se volva reunir a comisión de seguimento, logo dun mes da última xuntanza

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2024. O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, asegurou hoxe que Alcoa debe aclarar “como inflúe no futuro da planta de San Cibrao a súa adquisición de Alumina Limited”, propietaria do 40 % das instalacións lucenses. Formoso lembrou que con este movemento a firma estadounidense terá o control total sobre o complexo da Mariña, o que implica tamén unha capacidade exclusiva de decisión.

Por ese motivo, considera necesario que o Ministerio de Industria convoque a reunión da comisión de seguimento que está pendente dende o pasado 26 de xaneiro. “A propiedade debe explicar se a adquisición é positiva para a planta de San Cibrao ou, pola contra, debemos estar alerta”, explicou o secretario xeral socialista, que fixo notar que se trata dun cambio accionarial “moi relevante, xa que implica a concentración de todo o poder nas mesmas mans”.

Formoso destacou o impacto da factoría na provincia lucense, xa que representa o 30 % do seu PIB, e mostrou a súa preocupación pola repercusión que calquera movemento podería ter tamén no emprego da Mariña, “onde centos de traballadores dependen da actividade desas instalacións”, especialmente os das empresas auxiliares.

Exit mobile version