As xornadas están programadas para o 20, 21, 27 e 28 de febreiro en horario de 10 a 14 horas polas mañás e de 15 a 19 horas polas tardes. Deste xeito continúa o programa de Xeoturismo da Mancomunidade, que arrincaba o pasado mes de decembro, e que se enmarca no Plan de Sostibilidade Turística 2022-2024, que está cofinanciado pola Mancomunidade – co apoio da Deputación de Lugo -, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo.
Desde a Mancomunidade de Concellos da Mariña explican que “os contidos que se abordan son de interese para comprender os procesos xeolóxicos e as principais manifestacións xeolóxicas que atopamos na Mariña, para así poder ser quen de interpretalas e dalas a coñecer aos visitantes dun xeito sinxelo, ameno e entretido. Os asistentes achegaranse á unha introdución ao turismo xeolóxico, ao perfil deste tipo de turista, ao patrimonio xeolóxico da Mariña, á comercialización de produto xeoturístico ou á interpretación da paisaxe xeolóxica, entre outras. Haberá unha parte teórica e outra práctica”.
O equipo docente está formado por Fran Canosa, xeólogo e impulsor do turismo xeolóxico en Galicia; Iván Rodríguez, doutor en Xeoloxía e guía de xeoturismo; Isabel Rodríguez, docente en interpretación do patrimonio; e Cristina Collazo, de Volta Proxectos, empresa adxudicataria do contrato e docente en marketing turístico.
A alcaldesa de Burela, Carmela López, e a xerente do Plan de Sostibilidade Turística, Tania Hermida, déronlles esta mañá a benvida aos participantes nestas xornadas de formación en xeoturismo da Mancomunidade.