“As políticas de mocidade deben ser políticas integrais e transversais, desde todos os departamentos do Goberno Galego para así garantir unha boa execución e a mellora da calidade de vida das mozas e mozos de Galiza”, afirmou Daniel Castro
Daniel Castro defendeu que a política destinada á mocidade “dean solución aos problemas da mocidade galega e garantan o noso futuro, políticas que se executen desde todos os departamentos do goberno para garantir unha boa execución das mesmas, mellorando a vida das mozas e mozos de Galiza”.
O BNG realizará un estudo específico sobre a situación laboral da mocidade galega, que servirá como base para a elaboración dun Plan de Emprego Xuvenil que garanta a inserción laboral das mozas e mozos, rachando coa precariedade e a temporalidade laboral, ademais de poñer en marcha un plan de fomento e apoio para a creación cultural.
Castro anunciou que o BNG executará o Plan Retorna, que facilitará a volta á casa da mocidade emigrada, xunto con medidas destinadas para reverter a situación de emigración forzosa que atravesa Galiza, facilitando o acceso a un traballo digno para as mozas e mozos, o aumento do investimento en I+D+i e o apoio aos sectores productivos e industriais.
No tocante ao lecer, castro anunciou a recuperación dos Noitebús, reducindo a dependencia dos vehículos privados, xunto coa elaboración dun novo plan de mobilidade “creando liñas de bus interurbano que conecten os núcleos de poboación con frecuencias útiles para as veciñas e veciños”.