Site icon Crónica3.com A Mariña

“Comer peixe”, por Emilio González Legaspi

Quen estea ben informado sabe que comer peixe é saudable, os que o probaron saben que é saboroso e os que o compraron saben que é caro. E seguramente non é todo o caro que debera, tendo en conta o traballo, os esforzos e os sufrimentos que pasan os mariñeiros para pescalo, aínda que os que máis padecen non son os que logo levan as maiores ganancias, que nisto tamén hai clases.

Non todo o mundo ten suficientes medios económicos para poder comer peixe coa frecuencia que lles gostaría. Esta pode ser unha das causas de que diminuíra o consumo de peixe. Na lóxica do libre mercado a relación entre oferta e demanda debera regular os prezos, pero esta lóxica na actualidade non funciona. Non só non se axeitan os prezos á demanda, senón que seguen subindo. Quen poda pagalos que os pague e quen non que se amañe. Esta nova regra do mercado estase aplicando a produtos coma o aceite, os produtos básicos de alimentación, á enerxía, ao transporte, aos alimentos para animais, etc. producindo grandes ganancias a quen controla os mercados e desigualdade social e pobreza a quen ten que sufrir as súas consecuencias.

Pero as ganancias ou rendibilidade será maior cantas máis persoas continúen mercando, aínda a costa de teren que endebedarse ou ampliar as horas de traballo para poder manterse, a custa do esforzo que sexa, dentro do modelo social de consumo. Por esta razón a maneira de que se siga comprando produtos, aínda que sexan caros, é a través da publicidade.

Para estimular o consumo de peixe, iniciouse unha campaña publicitaria, que, de primeiras, tentou ser informativa e formativa, pero que ultimamente virou cara o victimismo e a culpabilización do consumidor. Fanche ver que a culpa de que non se venda peixe é túa por non compralo, aínda que teñas que vender un ril. Se non mercas peixe estás poñendo en perigo a “milleiros de familias que viven da industria pesqueira”; se non mercas peixe vas ser un desgraciado que non poderás “gozar da variedade e do sabor que ofrecen as peixerías e mercados”.

Por outra banda, aproveitando que estamos en campaña electoral, hai que largar redes para ver se mallan votos, así que ten en conta que, si non mercas peixe é porque non confías “na seguridade e calidade dos produtos do noso mar”, boliñas de plástico por medio. Xa por último unha cuestión de identidade: tés que amar o mar, para amar Galiza. Supoño que isto estará dirixido só aos galegos, porque os alleos poderán amar o mar, o seu, sen ter que amar a Galiza. Ou non?

Un dilema: ¿que pasaría se o diñeiro gastado nesta campaña se repartisen en forma de vales entre as persoas con baixos recursos para que puidesen ir mercar peixe ás peixerías?. Esperemos que algún día nos digan cal foi a eficacia comercial desta publicidade e quen foron os que sacaron as mellores talladas desta actividade.

Exit mobile version