A Mariña, 28 de febreiro de 2024. Coa entrega de diplomas remataron esta tarde as primeiras xornadas de formación en Xeoturismo para guías e empresas de turismo activo. Foron 21 profesionais os que participaron nesta cita tanto desta comarca como do resto de Galicia e de Asturias.
As xornadas desenvolvéronse en horario de mañá e tarde no salón de conferencias de Burela durante os días 20, 21, 27 e 28 de febreiro. Deste xeito continúa o programa de Xeoturismo da Mancomunidade, que arrincaba o pasado mes de decembro, e que se enmarca no Plan de Sostibilidade Turística 2022-2024, que está cofinanciado pola Mancomunidade – co apoio da Deputación de Lugo -, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo.
“Os asistentes abordaron contidos de interese para comprender os procesos xeolóxicos e as principais manifestacións xeolóxicas que atopamos na Mariña, para así poder ser quen de interpretalas e dalas a coñecer aos visitantes dun xeito sinxelo, ameno e entretido. Entre os temas tratados figuraron unha introdución ao turismo xeolóxico, ao perfil deste tipo de turista, ao patrimonio xeolóxico da Mariña, á comercialización de produto xeoturístico ou á interpretación da paisaxe xeolóxica, entre outras”, segundo explicou a xerente do Plan de Sostibilidade Turística da Mancomunidade, Tania Hermida.
A presidenta da entidade, Rocío López, agradeceu “o interese e implicación con estas xornadas de formación en Xeoturismo dos asistentes, que nos permiten seguir avanzando nunha maior profesionalización, diversificación e desestacionalización do sector turístico dirixíndonos a un público sensible e respectuoso co territorio“ e desexou “que pouco a pouco podan tanto integrar A Mariña como os aspectos xeolóxicos desta nas súas actividades guiadas co obxectivo de poder amosar toda esta riqueza do territorio tan singular ao visitante”.
A presidenta da Mancomunidade quixo recordar que “esta actuación responde a todo un traballo de anos atrás xunto a Concellos e axentes relacionados. Que se fixo, primeiro, durante a preparación das dúas candidaturas en 2020 e 2021 para recibir os fondos do plan e mais tarde, unha vez nos foron concedidos, na definición e concreción das distintas actuacións prioritarias. Para iso tiveron lugar diversas e numerosas reunións de traballo, no caso do Programa de Xeoturismo, dentro do Plan Operacional do Turismo Deportivo e de Natureza. Pero tamén no marco do Plan Estratéxico e de Marketing Turístico da Mariña, co análise do trazado para o Camiño do Mar tendo en conta á asociación, historiador e Concellos implicados co fin de establecer unha ruta consensuada, atendendo a cuestións histórico – culturais, ambientais e de seguridade, e máis recentemente co Plan Director do Turismo Gastronómico, entre outras”.
Desde a Mancomunidade avanzaron que durante o mes de marzo, o día 13 terá lugar a formación para anfitrións e xestores de turismo da Mariña da que se ampliarán detalles nos vindeiros días.
No acto de entrega de diplomas participaron a presidenta da Mancomunidade, Rocío López; a xefa da Área de Turismo da Xunta en Lugo, Paloma Vázquez; a subdelegado do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez; a alcaldesa de Burela, Carmela López; e o concelleiro de Turismo burelés, Ramiro Fernández.