Site icon Crónica3.com A Mariña

Claudio Rodríguez Fer recibirá este mércores en Mondoñedo a distinción de Cunqueiriano de Honra

Este mércores 28, coincidindo co cuadraxésimo terceiro cabodano de Álvaro Cunqueiro, faráselle entrega ao escritor, profesor e investigador Claudio Rodríguez Fer da distinción de Cunqueiriano de Honra de 2024 no marco dos actos conmemorativos da efeméride do creador mindoniense

Mondoñedo, 27 de febreiro, 2024. Os actos de conmemoración do cabodano de Cunqueiro comezarán en Mondoñedo ás 11:00h no Cemiterio Vello, onde terá lugar a Ofrenda Floral diante da tumba do escritor. Está previsto que asistan á mesma autoridades locais, provinciais e autonómicas, así como familiares de Álvaro Cunqueiro, intelectuais da cidade e o novo Cunqueiriano de Honra, Claudio Rodríguez Fer. Nesta mesma visita, e como xa vén sendo tradicional, tamén se depositará unha rosa vermella na tumba de Manuel Leiras Pulpeiro, outro dos grandes próceres literarios mindonienses.

A seguir a comitiva trasladarase ao Salón de Plenos do Concello, onde se celebrará a cerimonia de entrega da distinción de Cunqueiriano de Honra a Claudio Rodríguez Fer. Alí tomará a palabra en primeiro lugar César Cunqueiro, fillo do insigne escritor mindoniense. Logo intervirá en nome da comisión responsable da distinción o coordinador de Actividades e Publicacións da Casa Museo Álvaro Cunqueiro, Armando Requeixo, quen fará a laudatio do homenaxeado.

Inmediatamente despois Claudio Rodríguez Fer pronunciará o seu discurso de recepción e o acto rematará coa intervención das autoridades da presidencia e a lectura pública da obra de Cunqueiro, que iniciará o distinguido cos versos de Herba aquí ou acolá.

Exit mobile version