O Concello de Mondoñedo e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro promoven a distinción de Cunqueiriano de Honra co fin de recoñecer o labor daqueles persoeiros que se teñen significado na visibilización e proxección da figura do escritor mindoniense.
Neste 2024 unha comisión designada ao efecto polo Concello de Mondoñedo e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro, organizadores do evento, decidiu premiar a longa e vizosa traxectoria dun gran coñecedor da figura de Cunqueiro como é o escritor e profesor Claudio Rodríguez Fer.
A comisión que o elixiu, por maioría, estivo formada por César Cunqueiro (fillo do escritor), Manuel Lourenzo (Cunqueiriano de Honra do ano anterior), Alberto García Fernández (Concelleiro de Cultura, Educación e Novas Tecnoloxías), Antonio Reigosa (Cronista Oficial de Mondoñedo), Abel Vigo García (Técnico de Cultura municipal), Miguel González Somovilla (xornalista e estudoso da obra de Cunqueiro) e Armando Requeixo (Coordinador da CMAC).
Claudio Rodríguez Fer (Lugo, 1956) é un dos máis destacados poetas da literatura galega do último medio século, amais de narrador, dramaturgo e ensaísta e un dos máis recoñecidos galicianistas e hispanistas do noso tempo. Dirixe a Cátedra Valente de Poesía e Estética e codirixe a revista Moenia da Universidade de Santiago de Compostela, onde é profesor. Exerceu tamén a docencia en universidades de Nova York, París e Bretaña (pola que foi nomeado Doutor Honoris Causa) e coordina os cadernos Unión Libre. É autor de ensaios onde analiza en profundidade a figura de Álvaro Cunqueiro, como Álvaro Cunqueiro en Ortigueira (2011) ou Borges e Cunqueiro (2021). Ao escritor mindoniense tenlle dedicado, amais, amplos estudos nos seus libros Poesía galega (1989) e Acometida atlántica (1996). Así mesmo, dirixiu o Congreso Álvaro Cunqueiro e a Cultura Europea (1991) e conferenciou sobre o mindoniense en infinidade de congresos e xornadas por todo o mundo.
Coa designación de Claudio Rodríguez Fer como Cunqueiriano de Honra de 2024 (que inclúe figura conmemorativa e diploma acreditativo) o Concello de Mondoñedo e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro consolidan a traxectoria destes nomeamentos, que en anos anteriores recoñeceron o labor de persoeiros como Darío Villanueva, Víctor F. Freixanes , Rexina Vega, César Antonio Molina ou Manuel Lourenzo, entre outros.