Os actos foron consensuados entre a delegación de Muller e Igualdade e as diferentes asociacións de mulleres do municipio
As actividades contan coa organización da delegación de Muller e Igualdade, que dirixe Pilar Armada, e as diferentes asociacións de mulleres do municipio: Asociación de Mulleres de San Cibrao, Amas de Casa “Alborada”, Mulleres Rurais “As Espalladoras” e Mulleres en Igualdade de Cervo.
O sábado día 9 de marzo terá lugar o tradicional xantar do Día Internacional da Muller, no restaurante O Noso Lar ás 15:00 horas. Todas aquelas mulleres do concello que desexen asistir poderán recoller os tíckets dispoñibles no propio local ata o 5 de marzo. Na comida farase entrega dos trofeos ás gañadoras dos campionatos de tute e parchís que se están a xogar estes días, así como un sorteo de agasallos cedido polas asociacións. Haberá moitas máis sorpresas. A xornada rematará con baile na Casa do Mar da man de DJ Ovo.
Xa o domingo 17 de marzo ás 18:00h terá lugar a segunda edición do Kararoke pola Igualdade no Auditorio da Casa da Cultura. Unha actividade que aposta polo valor á figura feminina na música coa condición de interpretar temas compostos ou popularizados por mulleres.
Os/as participantes deberán escoller unha canción composta ou popularizada por mulleres que se atope na lista de temas que se publicará proximamente no taboleiro de anuncios da páxina web do Concello de Cervo (www.concellodecervo.com). Na mesma sección atoparán a ficha de solicitude para a participación no concurso e toda a información necesaria nas bases reguladoras.
Todo aquel/a que decida interpretar unha canción que non se atope na lista deberá avisar con anterioridade para comprobar se pode ser reproducida polos medios técnicos da organización. Se non fose posible, deberán aportar outra proposta ou adaptarse aos temas incluídos na lista.
A ficha de inscrición deberá presentarse no rexistro municipal do concello –onde tamén estarán dispoñibles para cubrir no momento- xunto a unha copia do N.I.F do participante ou do seu titor legal, no caso de menores de idade. O prazo de inscrición no propio concello rematará o venres 15 de marzo ás 15:00 horas.
Tamén se permitirán as solicitudes entregadas o mesmo día do concurso na Casa da Cultura antes dos ensaios previos dos participantes, que darán comezo ás 16:30 horas.
O concurso contará con diversos premios en distintas categorías que abarcan todas as idades:
Peques (menores de 12 anos): premio á mellor voz (dous premios) de 75€ e premio á mellor caracterización de 50€.
Júnior (rapaces de 12 a 18 anos): premio á mellor voz (dous premios) de 100€ e premio á mellor caracterización de 75€.
Veteranos (18 anos en adiante): premio á mellor voz (dous premios) de 150€ e premio á mellor caracterización de 100€.
O xurado –formado por un membro de cada unha das asociacións- terá en conta para o primeiro premio a calidade da voz, modulación ou entoación. No segundo caso, valorarase o vestiario, maquillaxe e aspectos similares. Unha vez resolto o concurso, realizarase o pago dos premios a posteriori tal e como recollen as bases reguladoras.
Dende o Concello de Cervo animan a todos/as os/as interesados/as a participar no Karaoke pola Igualdade 2024 e amosar os seus dotes artísticos nun ambiente de diversión e en apoio á loita pola igualdade e a defensa da muller.