Site icon Crónica3.com A Mariña

Candia posiciónase de forma “clara e contundente” a favor das reivindicacións de agricultores e gandeiros contra unha lexislación da UE que os está a asfixiar

A candidata por Lugo e presidenta provincial, xunto co número 3 por Ourense e responsable de Medio Rural do Goberno galego, instaron ao Executivo de Sánchez a liderar a petición á UE dunha moratoria inmediata de toda a nova lexislación que está impoñendo trabas a agricultores e gandeiros

Lugo, 9 de febreiro de 2024. Nun acto celebrado esta tarde con persoas da zona rural os candidatos populares ás vindeiras eleccións autonómicas afirmaron que “ninguén pon en dúbida a necesidade de seguir modernizando o sector primario”, pero recalcando que “o que precisan neste momento os nosos gandeiros e agricultores é que non se aplique unha lexislación que os prexudica”.

A cabeza de lista por Lugo e presidenta provincial, Elena Candia, explicou que “a moratoria que pedimos dende o Partido Popular deberá manterse ata que se teñan claras as consecuencias desta nova lexislación permitindo unha aplicación progresiva e adaptada ás particularidades de cada territorio, tal e como demandou Galicia durante a propia negociación da nova PAC, xunto ao resto das CCAA cantábricas e sempre en consenso coas principais organizacións agrarias galegas”.

Pola súa banda, o número 3 por Ourense e responsable de Medio Rural do Goberno galego, José González, manifestou que “xa advertimos cando se empezou a negociar a PAC que as lexislacións non se adaptaban ao noso territorio, estamos en contra dunha lexislación que impón moitas trabas inaccesibles, dixemos que ía traer máis esixencias burocráticas que acarrearía consecuencias ao sector, esixencias medioambientais excesivas e que se traducirían en dificultades para as explotacións galegas”.

Os candidatos populares consideran que o papel do goberno de Sánchez é decepcionante “non é o momento de calar, senón de actuar” aclarando que “deberían liderar as demandas do sector en Europa, deixar de ser un suxeito pasivo e defender ao sector primario” indicando que “as cesións xa anunciadas pola CE na aplicación da axenda verde permite medir todo o tempo perdido, e o dano causado ao agro, pola inacción do Executivo nesta cuestión.

LEI DE MOBILIZACIÓN AGRARIA

José González defendeu o apoio do Partido Popular ao sector primario, “para nós é unha prioridade como así se demostra coa diferentes axudas e mecanismos existentes para que os emprendedores asenten os seus proxectos na zona rural sendo o seu obxectivo: recuperar a terra, mellorar a estrutura territorial da nosa comunidade e favorecer a rendibilidade das explotacións galegas, demandantes de máis e mellor base territorial.

González resumía as cifras que avalan os bos resultados dos instrumentos que brinda a Ley de recuperación agraria indicando que “téñennos permitido mobilizar desde 2020 máis de 35.000 hectáreas en toda a comunidade galega. Tamén destacou que a provincia de Lugo conta con cinco aldeas modelo declaradas que nos están permitindo mobilizar máis de 415 hectáreas – unha máis en fase de recollida – e ata cinco polígonos agroforestais”.

ESTRATEXIAS SECTORIAIS

Tanto a cabeza de lista por Lugo e Presidenta Provincial, Elena Candia, como o candidato por Ourense José González, explicaron que “a posta en valor das nosas producións de calidade é outra das prioridades do Partido Popular” destacando “as estratexias dos sectores lácteo e cárnico, que nos teñen permitido poñer á disposición dos nosos gandeiros sendas aplicacións para calcular os custos de produción”.

Por último, pediron o voto para o Partido Popular xa que “con Rueda como Presidente da Xunta se seguirá avanzando a través da calidade coa Lei da calidade alimentaria, xa en vigor, ademais de habilitar axudas para promocionar os produtos galegos en mercados locais, fomentar a súa comercialización como produto de proximidade e de confianza”. Así mesmo, continuarase protexendo ás explotacións das enfermidades emerxentes, como a Lingua Azul ou EHE – lembrando como nesta liña, a Xunta acaba de activar un equipo de traballo para anticipar estas doenzas- son outros dos compromisos do Partido Popular”.

Exit mobile version