Site icon Crónica3.com A Mariña

“Boa sorte, mala fama”, de Tarabela Creativa, chega este sábado a San Cibrao

Cervo, 21 de febreiro, 2024. A compañía lucense Tarabela Creativa, formada por Carmen Conde e Diego Gallego, inicia esta fin de semana a xira da súa nova montaxe teatral “Boa sorte, mala fama”. Será na Casa da Cultura de San Cibrao, Cervo. Este sábado, 24 de febreiro, ás 20:30 horas.

Como a propia compañía explica, “trátase dunha traxicomedia en tres actos: Acto primeiro, os tratos; acto segundo, os maltratos e acto terceiro, os retratos. Nos que facendo unha cartografía e un percorrido a través de diferentes épocas e persoas se contará a historia máis “incómoda” da nosa emigración. Empregando para isto tres disciplinas: a narración oral (que será o fío condutor), a música ao vivo (que fará que o público se ubique naquelas outras realidades e sensacións que atravesamos) e na interpretación actoral (coa que se poñerá corpo ás palabras e coa que se traballará
na metáfora do espello e do reflexo como leit motiv.) Tres mulleres en escena para representar cada unha dende a súa disciplina o rostro menos institucional da emigración galega”.

Con texto, dirección e narración de Carmen Conde, interpretación de Mariña Pena e voz en vivo de Nastasia Zürcher, esta obra é o resultado de dous anos de investigación en arquivos e a través de entrevistas nos que Conde e Gallego pasaron tamén pola Mariña Lucense.

A entrada será de balde e o espectáculo é para público maior de 16 anos.

Exit mobile version