Ribadeo, 9 de febreiro de 2024. Ribadeo acollerá en abril un curso básico de Protección Civil. O prazo de inscrición está aberto ata o 16 de febreiro.
A concelleira de Seguridade e Atención Cidadá, Montse Seijo, contou que “a Xunta de Galicia abriu o prazo de inscrición para a realización do curso básico de Protección Civil. Na provincia de Lugo impartirase de forma presencial en dous lugares, e concretamente un dos elixidos foi Ribadeo”.
A edil ribadense explicou que “as datas previstas son do 3 ao 7 de abril, sendo os días 3, 4 e 5 en horario aproximado de sete e media/oito da tarde a dez e media/once da noite, a razón de tres horas diarias. E a fin de semana en horario de mañá e tarde completando así as 32 horas de duración do curso, das que 22 son teóricas e 10 prácticas”.
Seijo anima a participar: “desde o Concello animamos a todas aquelas persoas que o desexen que se inscriban ao curso no enlace da páxina da Academia Galega de Seguridade Pública: https://agasp.xunta.gal/gl/usuario/rexistrar Teñen de prazo ata o 16 de febreiro”.