Site icon Crónica3.com A Mariña

Alfonso Villares vincula directamente en Viveiro o aumento do consumo de peixes, mariscos e conservas á mellora do porvir da cadea mar-industria e da economía galega

Recórdalle ao Executivo central que coa rebaixa do IVE aos produtos do mar se incentivaría a evolución do PIB, a xeración de emprego e unha cuestión que debería ser capital para calquera administración: a mellora da saúde e da calidade de vida

Viveiro, 16 de febreiro de 2024. A cadea mar-industria ten que ir máis aló dos 50.000 profesionais das distintas etapas que aglutina, desde a captura, cultivo e recolección da materia prima á súa transformación e posterior distribución. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, pretende que nela se sintan integrados, como un elo máis, os consumidores finais, o conxunto dos 2,7 millóns de galegas e galegos. O representante autonómico ten moi claro que os mellores aliados do sector marítimo pesqueiro son os fogares e a hostalería, e que o aumento do consumo de peixes, mariscos e conservas redundará nun mellor porvir para a xente que vive do mar, senón para o conxunto da actividade económica de Galicia.

Dentro da campaña AMAR GALICIA, o titular de Mar achegouse esta mañá a varios puntos de venda de peixes e mariscos da Praza de Abastos de Viveiro e a outros puntos de venda deste mesmo concello, como as peixerías Seiramar e Grallal. Acompañado pola xefa territorial da Consellería, Mariña Gueimunde, sinalou destacou e agradeceu o importante papel que xogan estes establecementos e os seus profesionais na promoción dos alimentos mariños, contribuíndo a que cheguen á mesa dos consumidores finais.

Alfonso Villares reiterou a importancia de traballar xuntos para que os peixes, mariscos, conservas e outros transformados do mar galegos cheguen cada vez a máis bocas, pois por un lado refórzase a un sector económico que xera preto do 5% do PIB de Galicia, sendo o cuarto máis relevante. Unha actividade da que viven milleiros de familias e que se sustenta sobre a confianza na calidade destes alimentos, sobre a variedade e o sabor inigualable que ofrecen peixerías e mercados.

Todo este traballo de promoción debe vir acompañado, reiterou o conselleiro, dunha contorna de mercado axeitada e en equilibrio, algo que non se produce na actualidade polo feito de que o Goberno do Estado facultou rebaixas do IVE a certo tipo de alimentos mentres insiste en negarlle o mesmo trato aos produtos do mar.

Por iso, sinalou que continuará acompañando ao sector primario -pois tamén os gandeiros reclaman igualdade de trato fiscal para a carne-, na súa xusta demanda de que se baixe tamén se lles baixe o imposto que grava o seu consumo, pois ademais de unha cuestión económica ten a importante compoñente social da saúde, pois estes alimentos redundan na mellora da saúde e da calidade do conxunto da sociedade.

Realidade, informes e análises

Alfonso Villares ve máis xustificada ca nunca a loita do conxunto da cadea mar-industria de Galicia e da propia Xunta por conseguir esta rebaixa do IVE. Ademais da proba empírica do ben que funcionou en países veciños como Portugal ou Francia, onde esta medida contribuíu a elevar o consumo de peixes, mariscos e conservas, está avalada por informes da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia, do Observatorio Europeo do Mercado dos Produtos da Pesca e da Acuicultura (Eumofa) e máis recentemente por estudos independentes realizados polas universidades galegas.

Economistas da USC e da Universidade da Coruña certificaron cos seus análises que un descenso do tipo do IVE aos produtos do mar do 10 ao 5% que se trasladase ao consumidor final traduciríase nun incremento total do valor engadido tan so na comunidade de 28,5 millóns de euros e permitiría a creación de ata 5.575 empregos.

Exit mobile version