Cervo, 21 de febreiro de 2024. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, continúa coa súa axenda de visitas a peixerías espalladas por todo o territorio galego promocionando a campaña AMAR GALICIA e poñendo en valor o importante papel que xogan estes establecementos e os profesionais que os rexentan na promoción da calidade e sabor dos produtos do mar de Galicia. Nesta ocasión o titular de Mar, acompañado pola alcaldesa de Cervo, Dolores García, detívose nun destes establecementos da localidade onde destacou que son fundamentais, ao manter un contacto directo co cliente final, á hora de explicar e promover as propiedades culinarias e en dar a coñecer a gran variedade de especies de peixe e mariscos galegos así como os beneficios para a saúde que hai detrás do seu consumo. Alfonso Villares resaltou que cando as persoas optan por consumir peixe e marisco das rías galegas está apostando pola calidade, pola súa propia saúde e benestar e por apoiar ás xentes do mar, que coa súa profesionalidade e bo facer amosan o seu amor polo mar, sendo as auténticos artífices de que estes manxares cheguen aos nosos padais.
Na visita á peixería Zeltia o responsable autonómico entregou os carteis da campaña AMAR GALICIA que lanza claros mensaxes sobre a confianza na calidade dos produtos do mar, sobre a variedade e o sabor que se ofrece en peixerías e mercados e sobre o fundamental apoio que supón adquirir a produción dos milleiros de familias que viven do mar e as súas industrias na comunidade. Con esta acción de promoción preténdese dignificar aos profesionais do conxunto da cadea mar-industria e defender os mellores alimentos do mundo. Un traballo que complementa e apoia as campañas de difusión destes alimentos desenvolvidas desde o propio sector co obxectivo de promover o seu consumo entre a cidadanía.