Burela, 7 de febreiro de 2024. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, destaca o papel dos colectivos que aglutinan aos consumidores galegos na promoción dos produtos pesqueiros da comunidade e puxo en valor o seu consumo como o mellor xeito de apoiar a xente que vive do mar. Así o manifestou nun encontro coa Asociación de Amas de Casa de Burela no que enxalzou as calidades excepcionais e propiedades nutritivas do peixe e marisco galegos que proporcionan múltiples beneficios para a saúde. Non hai mellores embaixadores dos produtos do mar de Galicia, dixo, que os propios galegos que coñecen mellor que ninguén o seu sabor e a profesionalidade e bo facer dos profesionais do mar, auténticos artífices de que eses manxares cheguen aos nosos pratos.
O titular de Mar sinalou a importancia que ten que as asociacións cidadáns se impliquen na divulgación dos alimentos do mar e a importancia de seguir abondando na promoción da saúde que hai detrás do seu consumo. Neste punto volveu a reclamar ao Goberno central que acceda a rebaixar o IVE a semellanza do feito con outros alimentos como o aceite ou a pasta, xa que supón un situación discriminatoria e unha desvantaxe competitiva. Recordou que segundo varios informes de diferentes organismos independentes esta medida permitiría incentivar o consumo e a creación de emprego.