Site icon Crónica3.com A Mariña

Alfonso Villares destaca en Celeiro o reforzo na aposta da Xunta polas ensinanzas náutico-pesqueiras co fin de contribuír á remuda xeracional do sector

O conselleiro insiste na importancia de mellorar, por un lado, a instrución dos futuros profesionais desta actividade, e por outro, as condicións laborais e seguridade, pois son as dúas claves para aumentar o atractivo sectorial entre os máis novos

Viveiro, 7 de febreiro de 2024. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, sinalou que a Xunta ten na súa aposta polas ensinanzas náutico-pesqueiras e a formación do sector unha das principais vías, xunto coa mellora nas condicións de traballo, para contribuír a garantir a remuda xeracional nun sector tan estratéxico como é o do mar. De feito, recordou que nas contas do departamento que comanda un dos capítulos con maior incremento de fondos foi o das ensinanzas pesqueiras, que medra un 6,5 % e rolda unha cifra histórica próxima aos 10,6 millóns de euros.

O titular de Mar, acompañado pola xefa territorial na Mariña, Mariña Gueimunde, destacou a importancia de formarse ben para acceder con bo pe ao sector durante a visita que realizou á decena de alumnos do curso para acadar o certificado como percebeiro que ten lugar ata o vindeiro venres na Aula de Formación Pesqueira de Celeiro.

En 2023 celebráronse 22 destes cursos para acadar a certificación como mariscador e como percebeiro e este ano está previsto que suban ata os 26, tendo em conta que nas confrarías este tipo de formación impártese a demanda cando existe un mínimo de interesados.

Ademais da atividade formativa que visitou o conselleiro en Celeiro haberá un curso para futuros percebeiros na Escola Oficial Náutico Pesqueira de Ferrol; na de Ribeira catro para mariscadores e tres para recolectores de percebe; no Instituto Marítimo Pesqueiro do Atlántico de Vigo serán nove (4 cursos de mariscador e 5 de percebeiros); no Instituto Galego de formación en Acuicultura (Igafa) sete para mariscadores; e un mais para percebeiros ou percebeiras que terá lugar entre maio e xuño na confraría de Malpica.

No caso do percebe na actualidade hai un total de 245 permisos para profesionales a pé, mentres que para o percebe a flote figuran 492 embarcacións pertencentes a frota de artes menores dados de alta, con 779 tripulantes acreditados. Esta actividade xerou en 2023 un volume de negocio que superou os 8,7 millóns de euros, cun total de 230,5 toneladas de produción deste crustáceo tan representativo do litoral galego.

Hai futuro no mar

O conselleiro insistiu en que Galicia ten un gran futuro vinculado co mar, sinalando que é fundamental, por un lado, dar facilidades para a instrución dos futuros profesionais da actividade e, por outro, mellorar as condicións laborais e a seguridade tanto en terra como a bordo, pois son as dúas claves para conseguir incrementar o atractivo do sector e que se interesen máis mozos en acadar un traballo seguro e ben remunerado.

Na última década saíron dos centros de formación dependentes da Consellería do Mar preto de 1.725 titulados profesionais en ensinanzas marítimo-pesqueiras, despois de que a matrícula nestas escolas de formación medrase arredor dun 60% desde 2009.

Exit mobile version