No encontro abordouse a elaboración dun informe xurídico co obxectivo de propoñer a modificación dos requisitos que rexen as prestacións por cese de actividade para que sexa compatible cos labores de rexeneración e mellora dos bancos marisqueiros
O documento, que foi elaborado man a man co sector, ten como finalidade garantir o maior dos apoios posibles para os perxudicados pola altísima mortaldade no marisco en outono. Unha demanda trasladada polo conxunto de pósitos á cal se está a facer fronte cos recursos propios da Xunta, á espera aínda de que o Goberno central resolva a petición de zona catastrófica para os bancos marisqueiros afectados.
Na reunión expuxéronse as actuacións realizadas ata o momento pola Consellería do Mar no marco do Plan de Competitividade e Sostibilidade do Marisqueo en Galicia 2024-2025 dotado con 123 millóns de euros. Concretamente xa foron postas en marcha as accións comprometidas e directas para o primeiro semestre deste ano coa activación das axudas extraordinarias ao marisqueo, que xa foron despregadas, a elaboración das axudas extraordinarias para as confrarías para o seu inminente despregue e as axudas por cese temporal da actividade cuxo borrador esta a ser ultimado coas achegas do propio sector.
Por outra banda, Alfonso Villares informou de que o seu departamento está traballando na análise xurídica para artellar unha proposta de modificación dos condicionantes que rexen as prestacións por cese de actividade para facelas compatibles cos labores de rexeneración e mellora do estado das zonas de marisqueo. Unha medida novidosa que responde a unha demanda trasladada polos propios profesionais que deberá ser aprobada, en última instancia, polo Estado por ser quen ten as competencias nesta materia.
Por outra banda, o responsable autonómico tamén expuxo que se está avaliando a posibilidade de aplicar a figura do fixo-descontinuo no ámbito da actividade marisqueira, xa que sería unha formula adecuada atendendo a organización dos traballos recollidos en moitos plans de xestión, o cal permitiría que as persoas adscritas aos mesmos poidan dispoñer dunha mellor cobertura social. Unha vez recadados os informes xurídicos e administrativos elevarase unha proposta ao Goberno central para que sexan acometidos os mencionados cambios.
Máis medidas
O conselleiro subliñou que desde a Xunta continúase a traballar no reforzo doutras medidas como a definición e inicio dos traballos de rexeneración dos bancos danados ou non produtivos mediante accións das entidades asociativas ou con execución propia da Consellería do Mar, incrementando nun 150% as contías dedicadas a estes traballos respecto a 2023. Tamén se está a analizar novas propostas e proxectos para ser desenvolvidos dentro de Redemar, rede entre o sector pesqueiro e organismos científicos de Galicia, co obxectivo de mellorar a resiliencia da produción marisqueira galega.