Pide “a maioría que fai falta para poder cumprir o noso programa sen ter que estar pendentes de ninguén e sabendo que non teremos que renunciar a nada” remarcando que “non hai nada feito e todo está en xogo”
Lugo, 1 de febreiro de 2024. O presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, manifestou hoxe en Lugo que quere seguir á fronte dunha Galicia orgullosa, unida, próspera, que non teña que renunciar a nada ao que ten dereito e sobre todo que aproveite as súas capacidades e posibilidades para acadar un futuro potente: “Quero ser presidente da Galicia que funciona e quero que siga funcionando”.
A poucas horas do inicio da campaña electoral, o líder dos populares galegos trasladou aos seus o seu convencemento de que o partido chega a este momento “mobilizado, unido e motivado”. Pero subliñou tamén que “non hai nada feito e todo está en xogo nestes 15 días”.
Prometeu unha campaña “de peinado do territorio” como mellor sabe facer o PPdeG e como “non son capaces de facer outros por moito que queiran”. Unha campaña de traballo “con razón e fundamento” e recordando o “moito do que podemos presumir” logo destes anos: “Nós temos que falar do que fixemos cada unha das catro veces seguidas que nos deron a súa confianza”.
Explicou así que, entre as cousas que demostran que “se fixeron as cousas ben porque sabemos facelas ben” están as cifras económicas, uns servizos públicos blindados e moitas das medidas nas que Galicia foi pioneira entre todas as comunidades de España. “Acadamos logros que estamos consolidando e agora imos a por outros sen renunciar nunca aos principios deste partido: a verdade, o rigor e o falar cos galegos cara a cara”, explicou poñendo en valor a importancia da palabra dada.
“Cando se dá a palabra hai que cumprir e iso é o que vou facer eu e van facer tamén todos e cada un dos membros das nosas catro candidaturas”, remarcou antes de incidir no moito que hai en xogo o 18 de febreiro. En primeiro lugar, o futuro de Galicia, pero tamén “todo o que ocorre nunha España da que os galegos nos sentimos orgullosos de formar parte”.
De aí que pedira apoio “para que a Galicia non veña todo o que está pasando co Goberno de España” e poder “gardala”. Porque, tal e como apuntou, “Galicia non ten que imitar a ninguén, nin ten que deixarse levar por todo ese barullo e desgoberno que algúns queren traer aquí corrixido e aumentado”.
“A min gústame Galicia tal e como é, tal e como somos: mellorando sempre, sen dar un paso atrás e consolidando o conseguido”, afirmou incidindo en que este 18 de febreiro será o oportunidade de “seguir centrados no importante e dependendo só de nós mesmos”. Por iso pediu “a maioría que fai falta para poder cumprir o noso programa sen ter que estar pendentes de ninguén e sabendo que non teremos que renunciar a nada”.