Viveiro, 16 de febrero de 2024. A tenenta de alcaldía do Concello de Viveiro, Míriam Bermúdez, abre un proceso de consulta e participación veciñal a través dun cuestionario para definir “os usos e os novos servizos do parque Pernas Peón”.
A próxima semana daranse os primeiros pasos de revitalización do parque, “comezando polo arranxo do firme dos camiños, en terra batida e coa novidade de que irá apelmazada cunha leve forma de cunca, o que favorecerá a evacuación das augas mantendo o firme máis seco e cunha maior durabilidade dos camiños en bo estado”, explica Míriam Bermúdez.
Agora, a tenenta de alcaldía lanza “un cuestionario para que a veciñanza poida participar da decisión dos futuros usos do parque Pernas Peón”.
No cuestionario, pódese opinar sobre as súas preferencias, se desexarías máis zonas infantís os espazos con equipamento deportivo, que modalidades deportivas prefires ou que farías coas árbores, tendo en conta os informes que falan do seu mal estado ou da presenza de pragas como a Procesionaria.
“Queremos que participe canta máis xente mellor, abrindo tamén a consulta aos centros educativos”, engade Míriam Bermúdez.
Podes participar na consulta aquí: https://forms.gle/ossvdzaF4qzuArwm9