Site icon Crónica3.com A Mariña

Aberto o prazo de solicitude das axudas da Deputación para asociacións que traballan polas reservas da biosfera

As peticións poderán presentarse ata o día 13 de marzo

Lugo, 22 de febreiro de 2024. A Deputación de Lugo abriu este xoves o prazo de solicitude das axudas por un importe de 110.000€ que convocou para apoiar a actividade das entidades asociativas sen ánimo de lucro que estean asentadas ou que teñan o seu ámbito de actuación no territorio das reservas da biosfera Terras do Miño e os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, xestionadas pola institución provincial.

En concreto, poderán recibir subvención as entidades asociativas sen ánimo de lucro que desenvolvan actuacións e proxectos vinculados ao medio ambiente e ao rural que poñan en valor o patrimonio natural, cultural e paisaxístico destes territorios, e que contribúan así á súa dinamización social e económica.

As solicitudes poderán formularse ata o vindeiro 13 de marzo, incluído, enviando os modelos oficiais xunto coa documentación precisa a través da sede electrónica da Deputación, ou ben de calquera dos restantes rexistros electrónicos aos que se refire o artigo 16.4 da Lei do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. As asociacións interesadas poden consultar toda a información sobre as bases no Boletín Oficial da Provincia (BOP) de onte, 21 de febreiro, e tamén na páxina web da Deputación (www.deputacionlugo.gal)

Como nas catro pasadas edicións, esta convocatoria de axudas inclúe dúas liñas de actuación. Unha dotada con 60.000€ para actividades na Reserva da Biosfera Terras do Miño; e outra, por un importe de 50.000€, para actividades na Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses. Novamente, os beneficiarios poderán obter entre 1.000€ e 7.000€ por cada proxecto e como novidade, a Deputación amplía o prazo para presentar solicitudes, que é de 15 días hábiles.

Exit mobile version